O alcalde aproveitou a celebración do Pleno ordinario para explicar que a próxima semana entrará en vigor a paralización durante un ano das licencias municipais e a previsión da paralización de todos os expedientes en Galicia desde o 1 de xaneiro.
O alcalde, José Manuel López Varela, aproveitou a sesión ordinaria do Pleno celebrada hoxe para anunciar que a principios da próxima semana sairá publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) a paralización durante un ano, prorrogable por outros dous máis, dos proxectos de plantas de biogás no termo municipal da Laracha acordada nunha sesión plenaria anterior. Tamén anunciou que o Concello da Laracha presentará alegacións á resolución publicada onte no DOG pola que se somete a información pública unha petición de execución dun pozo de barrena na parcela na que está proxectada a planta.
López Varela tamén avanzou que na Lei de acompañamento aos orzamentos da Xunta, que se prevé aprobar o día 16 de decembro, contémplase a paralización do todos os expedientes de plantas de biogás en Galicia, o que entraría en vigor o 1 de xaneiro.
Por último sobre este asunto, o alcalde sentenciou que “estamos dando todos os pasos para que en Vista Alegre non haxa nunca unha planta de biogás”.
O Pleno comezara coa lectura dunha Declaración Institucional con motivo da celebración, no día de onte, do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, gardándose a continuación un minuto de silencio en memoria das 48 vítimas en España no que vai de ano.
Así mesmo, deuse conta de que o concelleiro José Ramón Martínez Barbeito non continuará con dedicación exclusiva con motivo da súa inminente xubilación, e que vai ser asumida por Manuel García Montes. Martínez Barbeito continuará como tenente alcalde e portavoz, e foi adscrito ás dúas Comisións Informativas Permanentes do Pleno.
Tamén se deu conta da renuncia por motivos persoais do concelleiro do grupo municipal do Partido Popular Juan Carlos Amado Collazo. O alcalde agradeceulle o seu labor como edil durante os máis de tres anos nos que ocupou o cargo, desexoulle o mellor na súa vida persoal e laboral, e anunciou que xa foi solicitada a credencial á Xunta Electoral Central da seguinte persoa na lista do partido, que é Javier Suárez Liste.
Continuando cos puntos da Orde do Día, aprobouse con carácter definitivo a modificación puntual da Relación de Postos de Traballo (RPT) trala resolución das alegacións presentadas durante o período de exposición pública. Fíxose coa única abstención dos tres edís do grupo do BNG.
Entre as novidades máis relevantes figura a incorporación dun organigrama municipal que define a estrutura organizativa do Concello, queda contemplada a posibilidade de que determinados postos poidan ser desempeñados indistintamente por persoal laboral fixo ou funcionario de carreira como paso previo aos futuros procesos de funcionarización, e establécese unha nova valoración dos postos de nova creación mediante o correspondente sistema de complementos de destino e específicos.
De maneira paralela, tamén se modifica o cadro de persoal para incorporar as sete prazas que contan con dotación orzamentaria no exercicio 2026. As restantes incorporacións previstas -ata un total de 19- realizaranse de forma progresiva nos vindeiros exercicios en función das necesidades organizativas, da dispoñibilidade orzamentaria e da normativa aplicable. Esta modificación da RPT é unha cuestión que se enmarca na potestade organizativa do Concello para adaptar a súa estrutura ás necesidades actuais dos servizos municipais e garantir unha prestación máis eficiente á cidadanía.
Do mesmo xeito, tamén se aprobou o convenio colectivo do persoal laboral e o acordo regulador do persoal funcionario, que é froito do acordado pola Mesa de Negociación e que facilitará o normal desenvolvemento das relacións de traballo do persoal do Concello.