Trenor anima aos concellos coruñeses a adherirse á Rede Galega de Parques Sen Fume

por Redacción A Coruña

Deste xeito, a Xunta dálle continuidade a programas de éxito como a rede “Praias sen fume”, que na Coruña conta con 97 praias adheridas en 20 concellos

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, participou, esta mañá nun encontro con alcaldes e concelleiros da província oara animar aos responsables municipais a que se adhiran á rede de Parques sen Fume. Unha iniciativa que aposta por proporcionarlle á veciñanza máis espazos públicos sen fume. Así mesmo, a través da Rede Parques sen Fume, iniciada en xaneiro de 2023, a Xunta facilitou de forma gratuíta o material de sinalización, sendo 18 os concellos adheridos en toda Galicia.

Con esta iniciativa, que leva a cabo a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o Executivo galego persegue o obxectivo de crear máis espazos públicos libres de tabaco nas vilas galegas. Neste sentido, este programa é un fillo directo doutra iniciativa de éxito como é o Praias sen fume, que a Xunta creou no 2016, e da que xa forman parte 80 concellos de toda Galicia, en total 224 praias libres do fume do tabaco. En concreto, na provincia da Coruña, 92 praias, en 27 concellos.

Segundo explicou o delegado da Xunta, tanto a rede galega de praias sen fume como a de parques, “teñen un fin educativo e de sensibilización social, salientando a importancia da conduta da poboación adulta, para que sirva de modelo para os máis novos”. De aí, que os obxectivos de parques sen fume sexan a promoción dunha vida sen tabaco e a desnormalización do seu consumo; así como o respecto e coidado dos espazos públicos e do medio ambiente.

As cifras dos últimos anos indican que ao redor do 20 % da mocidade entre 16 e máis anos fuma diariamente, e lograr que estas cifras baixen é un obxectivo prioritario para o departamento sanitario galego. Ao respecto, o 75 % das persoas enquisadas por Sanidade son partidarias de seguir aumentando o crecemento de espazos públicos sen fume. Tanto o delegado da Xunta como a directora xeral destacaron a importancia que ten seguir promovendo programas, actividades ou accións que incidan na concienciación sobre o consumo de tabaco.

Compromisos

Os concellos participantes nesta iniciativa adquiren unha serie de compromisos entre os que se atopan a identificación e sinalización dos parques con materiais da rede facilitados pola Consellería de Sanidade. Ademais, os concellos comprométense a difundir entre a poboación os folletos informativos e de sensibilización. Tamén se comprometen a desenvolver actividades encamiñadas a lograr unha sociedade libre de tabaco, así como dar soporte a accións levadas a cabo no ámbito escolar e, así mesmo, organizar e impartir charlas sobre os beneficios de non fumar.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario