ADEGA reclama unha avaliación ambiental conxunta dos tres parques de baterías proxectados en Chantada

A asociación ecoloxista presentou alegacións ao proxecto BESS Belesar, en Chantada, e pide suspender a súa tramitación ao considerar que a concentración de instalacións eléctricas na zona pode provocar impactos ambientais e paisaxísticos incompatibles coa contorna da Ribeira Sacra.

ADEGA vén de presentar alegacións ante o Departamento Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria ao proxecto de almacenamento eléctrico en baterías BESS Belesar, promovido pola empresa BESS Development 11 S.L. no concello de Chantada. A asociación advirte de que esta instalación non pode avaliarse de maneira illada, xa que forma parte dunha concentración de infraestruturas enerxéticas nunha mesma contorna, con posibles efectos sinérxicos e acumulativos sobre o medio, a poboación e a paisaxe da Ribeira Sacra.

O proxecto BESS Belesar contempla unha instalación de baterías electroquímicas de litio-ferrofosfato (LFP), cunha capacidade de almacenamento de 152,385 Mwh. A instalación ocuparía terreos que afectan directamente ás fontes do rego de Lamarregueira, tributario do rego de Tarrío e, posteriormente, do río Miño.

Tres parques de baterías e dúas subestacións nunha área de apenas 300 metros

Un dos principais motivos de preocupación para ADEGA é a concentración de proxectos de almacenamento eléctrico e infraestruturas de evacuación nunha área moi reducida. A apenas 300 metros de BESS Belesar están en tramitación outros dous parques de baterías: GRX Belesar I e GRX Belesar II, cunha capacidade de almacenamento de 386,07 MWh cada un.

En total, os tres parques sumarían unha capacidade de almacenamento superior aos 924 MWh. A estes proxectos hai que engadir dúas subestacións eléctricas —SET Soilán II e SEC Soilán—, así como as correspondentes liñas de conexión e as infraestruturas eléctricas asociadas aos parques eólicos que poidan conectarse a elas.

Para ADEGA, esta acumulación de instalacións obriga a realizar unha avaliación rigorosa e conxunta dos impactos sinérxicos e acumulativos, algo que considera imprescindible para coñecer as consecuencias reais da transformación enerxética prevista nesta zona. A análise individual de cada proxecto impide valorar adecuadamente os efectos que pode provocar a súa implantación simultánea sobre o territorio.

Vivendas próximas e afección á paisaxe da Ribeira Sacra

ADEGA alerta da proximidade das instalacións a varios núcleos habitados, algúns situados a só 200 metros de onde se proxectan as baterías, así como da súa localización nos límites da zona de amortecemento do BIC da Ribeira Sacra.

A asociación considera que esta concentración de infraestruturas pode comprometer tanto a calidade de vida da veciñanza como a conservación da paisaxe tradicional dun territorio de extraordinario valor cultural.

Por iso, solicita suspender a tramitación dos tres parques de baterías e das dúas subestacións eléctricas, e resolver desfavorablemente as súas avaliacións ambientais pola falta dunha análise conxunta dos impactos acumulativos e sinérxicos.

Comparte éste artículo
No hay comentarios