AGESGA advirte de que os veciños pagarán a desaparición do GES da Gudiña

A Asociación dos Bombeiros dos GES de Galicia (AGESGA) manifestou o seu absoluto rexeitamento ás declaracións do alcalde da Gudiña, nas que cualifica de «acoso xudicial» as reclamacións dos traballadores e apunta á posibilidade de prescindir do servizo de emerxencias. A entidade advirte de que os grandes prexudicados por unha eventual desaparición do Grupo de Emerxencias Supramunicipal serán os veciños da Gudiña, dos municipios limítrofes e os milleiros de condutores que circulan a diario pola autovía A-52.

Segundo expón AGESGA, a situación do GES da Gudiña arrástrase desde hai anos por unha deficiente xestión municipal e pola falta de resposta das administracións implicadas, nunca pola actuación do persoal. A asociación lembra que este servizo opera nunha zona de especial complexidade pola súa extensión, orografía, meteoroloxía e pola presenza da A-52, dada a distancia respecto ao parque de bombeiros de Verín–Monterrei e a ausencia de alternativa inmediata desde comunidades veciñas. Como exemplo da fraxilidade do operativo, AGESGA sinala que só en xullo de 2026 documentou tres peches do servizo e outras dúas xornadas cun único efectivo.

Condicións laborais, vacantes e uso do persoal

Na súa comunicación, AGESGA sostén que o rexedor omite feitos relevantes como a apertura de expedientes disciplinarios, presións e ameazas de despedimento a profesionais que se opuxeron ao sistema de organización da xornada laboral proposto pola Alcaldía, incluída a pretensión de que permanecesen localizables no domicilio sen computar ese tempo como xornada efectiva.

A asociación engade que desde 2019 o GES da Gudiña conta con once efectivos dos doce previstos no convenio, sen que se cubrise a vacante, o que obrigou o persoal a asumir excesos de xornada. Tamén denuncia que desde o inicio do actual mandato se destinou reiteradamente o persoal a tarefas ordinarias municipais —como obras, avarías na rede de auga ou traballos con tractores e maquinaria—, restando dispoñibilidade inmediata para emerxencias. Así mesmo, lembra que existe unha sentenza non firme que condena o Concello ao pagamento de 15.000 euros por danos morais a un traballador por vulnerar o seu dereito fundamental á integridade física.

Xustificación de fondos, EPIs e aviso de mobilizacións

AGESGA apunta tamén a indicios, que está a investigar especialmente en concellos sede dos GES de Ourense, de que se inclúan na xustificación de subvencións de emerxencias gastos propios doutros servizos municipais —como combustible do parque móbil xeral, maquinaria de limpeza ou material de ferraxería—, e reclama unha maior fiscalización por parte da Xunta de Galicia, das deputacións provinciais e da FEGAMP.

No ámbito da prevención de riscos laborais, a asociación alerta da falta de reposición e mantemento axeitado de equipos de protección individual (EPIs), traxes, cascos, botas, luvas ou botellas de aire comprimido, e lembra que o 3 de marzo de 2025 xa trasladou á Presidencia da Deputación de Ourense unha proposta para adquirir conxuntamente 145 EPIs para os GES da provincia, ademais de advertir por rexistro en maio de 2026 á FEGAMP e á propia Deputación sobre carencias operativas e de coordinación.

«Os grandes prexudicados serán os veciños»

Desde AGESGA subliñan que o persoal ten condición laboral fixa, polo que renunciar ao convenio non extingue automaticamente os contratos nin resolve os problemas orzamentarios e legais, poñendo como exemplo o ocorrido en Cervo. A organización esixe responsabilidades á Xunta, á Deputación de Ourense, á FEGAMP e ao Concello da Gudiña, avoga por integrar os GES nunha estrutura provincial de emerxencias e advirte de que non descarta novas mobilizacións nin a convocatoria dunha folga indefinida se persisten as presións contra os traballadores.

Comparte éste artículo
No hay comentarios