O arquitecto Celestino García Braña, novo presidente da Real Academia Galega de Belas Artes

O arquitecto Celestino García Braña converteuse este sábado no novo presidente da Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), tras resultar elixido na sesión extraordinaria celebrada pola corporación. Académico de número da sección de Arquitectura, exercerá o cargo durante un mandato que se estenderá ata o ano 2030.

García Braña subliñou que a institución, neste segundo terzo do século XXI, debe ser unha entidade que «conserve a memoria e produza pensamento, identificando os problemas culturais emerxentes, analizando con serenidade e ofrecendo propostas fundamentadas no contexto da Galicia dun século xa avanzado», un labor para o que considerou imprescindible «tempo, reflexión e vontade de traballo compartido».

Banco de Coñecemento, Observatorio do Patrimonio e revista Abrente

O programa do novo presidente pivota sobre o fortalecemento da RAGBA como comunidade de coñecemento, potenciando o traballo do plenario e das súas sete seccións mediante grupos específicos e dando un novo impulso á revista anual Abrente. Así mesmo, buscará reforzar a proxección social da Academia coa posta en marcha dun Banco de Coñecemento de consulta dixital aberta.

Outro dos eixes prioritarios será a protección e o estudo do legado cultural a través da creación dun Observatorio Permanente do Patrimonio Artístico Galego, xunto cunha atención continuada ás transformacións da creación contemporánea, «cunha reflexión permanente do ecosistema cultural galego, destinando atención ás derivas da intelixencia artificial».

No eido da programación cultural, a institución manterá iniciativas consolidadas como o Día das Artes Galegas —dedicado nesta edición á soprano coruñesa María Luisa Nache, cun acto no Teatro Colón o vindeiro 31 de marzo e unha exposición no Kiosko Alfonso—, os Martes das Artes, concertos e os Encontros de Mariñán. Residencia de artistas emerxentes, ademais de mellorar o funcionamento da sede e a sustentabilidade institucional.

Novos académicos numerarios e correspondentes

Na mesma xornada tivo lugar a sesión ordinaria da corporación, na que o pleno elixiu tres novos académicos numerarios:

  • José Luis Castro de Paz, historiador de cine e catedrático de Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela (sección de Artes da Imaxe).
  • Xavier Toubes Vilariño, ceramista, escultor, pintor e docente (sección de Escultura).
  • Fernando Agrasar Quiroga, arquitecto (sección de Arquitectura).

Do mesmo xeito, o pleno designou como novos académicos correspondentes á compositora Cristina Pato, ao compositor Octavio Vázquez e ao catedrático emérito de Historia da Arte da Universidade de Sevilla Gerardo Pérez Calero.

Traxectoria profesional de Celestino García Braña

Nacido en Mieres (Asturias) en 1945 e residente en Oleiros (A Coruña), Celestino García Braña desenvolveu en Galicia máis de cinco décadas de carreira profesional, docente e investigadora tras titularse en Urbanismo pola Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid en 1972 e abrir estudio en Pontevedra.

A súa obra arquitectónica destaca polo diálogo coa paisaxe e a rehabilitación patrimonial, con intervencións de referencia como os casaríos de Igrexa Vella en Triacastela (Premio COAG 1994), a igrexa e claustro de San Francisco en Pontevedra (Premio Julio Galán Carvajal 1997), a reforma de edificios históricos do Museo de Pontevedra, o albergue de Bendoiro en Lalín, a recuperación ambiental da praia da Lanzada ou o Mosteiro de Caaveiro (Premio Europeo á Rehabilitación Addipa 2015). En 2026 recibiu tamén o Premio á Excelencia e Compromiso Social da Unión Profesional de Galicia.

Profesor titular de Composición Arquitectónica na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña e autor de estudos clave sobre o Movemento Moderno e a figura de Domingo de Andrade, foi decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (2005-2011) e presidente da Fundación DOCOMOMO Ibérico.

Comparte éste artículo
No hay comentarios