A actividade está incluída no programa municipal de verán
A 13ª edición do campus de baloncesto que organiza o Concello estase a desenvolver nesta semana nas instalacións do pavillón polideportivo Municipal da Laracha. O programa consta de cinco xornadas, desde onte luns e ata o venres, que se están a levar a cabo en horario de 10:30 a 13:30 horas.
A actividade, incluída no programa municipal de verán, vai dirixida a nenos de entre seis e quince anos de idade, contándose coa participación diaria de 75 rapaces. Hoxe recibiron a visita do alcalde, José Manuel López Varela, e da concelleira de deportes, Patricia Bello.
O obxectivo deste campus é fomentar a práctica do baloncesto e tamén iniciar nesta modalidade deportiva aos nenos que non tiveron contacto con ela, xa que non foi necesario ter coñecementos previos para poder inscribirse. Os rapaces teñen a ocasión de aprender aspectos técnicos, tácticos e tamén cuestións relativas ao regulamento do baloncesto.