A vila noiesa acolle até o 6 de agosto a décima edición dun festival único no noroeste peninsular no que teñen cabida o folk, a vangarda, a música tradicional ou a clásica
O Noia Harp Fest, o único festival dedicado á arpa no noroeste da Península Ibérica, inaugurará mañá, xoves 3 de agosto, a súa décima edición. Até o vindeiro domingo, día 6, a vila noiesa acollerá un evento musical aberto a todos os públicos e que aposta pola diversidade estilística na súa programación, na que a interpretación do instrumento é o fío condutor.
O 10º Noia Harp Fest comezará no serán do xoves 3 de agosto cunha sesión festiva e que porá en valor o talento local. O alumnado das escolas de arpa de Galicia abrirá, por segundo ano consecutivo, o festival. Estudantes de Vigo, Santiago, Mos e Ferrol actuarán a partir das 18:00 horas no Liceo de Noia, nun concerto cun repertorio que contará con temas tradicionais de distintas rexións do mundo e até un arranxo da Bohemian Rapsody de Queen. Como peche, todas e todos renderán homenaxe a quen introduciu, por vez primeira, a arpa na música feita en Galicia, Emilio Cao, coa interpretación do seu O vals do mencer, arranxado especificamente para a ocasión. De seguido celebrarase unha foliada de benvida ao festival.
Nesta segunda edición do Encontro de Escolas de Arpa de Galicia, participará o alumnado de Mayeusis, Conservatorio das Artes de Vigo (cuxa profesora é Mayca Alleres); da Escola Municipal de Música Folk e Tradicional ETRAD, de Vigo (Begoña Riobó); da Escola Municipal de Música de Santiago (Bleueen Le Friec); do Conservatorio Profesional de Música de Torroso, de Mos (Alba Barreiro); e do Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño, de Ferrol (María José Carralero). Ademais do concerto no Liceo de Noia, o grupo participará nunha xornada de convivencia, que incluirá un ensaio conxunto e ruta en kayak pola ría de Noia.
Noia Harp Fest
O 10º Noia Harp Fest, organizado pola asociación homónima e Nalgures Producións, e dirixido por Rodrigo Romaní coa colaboración de Beatriz Martínez e Alba Barreiro, ofrecerá este 2023 nove concertos, que serán de acceso gratuíto para o público e que terán lugar en espazos singulares da vila. Ao longo de catro xornadas, estilos coma o folk, a vangarda e a electrónica, as músicas populares galegas, francesas e alemás, ou mesmo a clásica contemporánea, percorrerán as rúas, prazas e recintos culturais de Noia.
Así, a Praza do Tapal, a Igrexa Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela ou o Liceo de Noia acollerán as actuacións de arpistas de recoñecida traxectoria, coma a irlandesa Laoise Kelly, a alemá Daniela Heiderich, as escocesas The Pozzies ou a andaluza Müsgo; de novas intérpretes que están a espallar o seu talento nas mellores orquestras de Europa, coma a portuguesa Beatriz Cortesão ou as españolas Elisabeth Cerra e Claudia Besné; e de agrupacións claves para a difusión da música no territorio galego, como é o caso da Real Filharmonía de Galicia ou de SonDeSeu. Ademais de artistas notables do ámbito galego, estatal e internacional, o NHF acolle tamén ás persoas amadoras do instrumento ou que se están a iniciar na súa práctica, como é o caso do alumnado de arpa das escolas de Galicia. Esta pluralidade e diversidade da práctica artística, así coma das orixes das e dos participantes, fai do Noia Harp Fest unha proposta estimulante e próxima para todos públicos de todas as idades.
O Noia Harp Fest, organizado pola asociación homónima e Nalgures Producións, conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, do Concello de Noia e da distribuidora musical Altafonte. Tamén colaboran nesta edición o Liceo de Noia e a Asociación de Española de Arpistas. Para máis información, pódese visitar www.noiaharpfest.gal.
Axenda do Noia Harp Fest para o xoves, 3 de agostoLiceo de Noia, 18:00 horas | II Encontro de Escolas de Arpa de Galicia. Homenaxe Emilio Cao.
Liceo de Noia, 20:30 horas | Foliada de benvida ao 10ª Noia Harp Fest
Liceo de Noia, 20:30 horas | Foliada de benvida ao 10ª Noia Harp Fest