O grupo municipal levará ao vindeiro pleno unha iniciativa para substituír as actuacións illadas por unha planificación continuada, garantindo o bo estado dos contedores, a resolución rápida de acumulacións e un control rigoroso das empresas concesionarias.
O BNG de Valga vén de presentar un conxunto de propostas encamiñadas a optimizar o servizo de recollida de residuos, reforzar o mantemento dos espazos públicos e potenciar un uso máis responsable dos recursos locais. A formación nacionalista subliña que manter o municipio limpo e coidado debe ser unha prioridade diaria que esixe frecuencias axeitadas, contornas limpas e a correcta conservación e baleirado de contedores e papeleiras.
Eixes principais da iniciativa plenaria
Para combater problemas habituais como a saturación de puntos de achega, o deterioro de equipamentos ou a presenza de residuos na vía pública, o BNG proporá no vindeiro pleno municipal as seguintes medidas:
- Planificación e coordinación: Superar a dinámica de actuacións puntuais mediante un seguimento continuo do servizo, tanto na xestión directa coma na prestada polas empresas concesionarias.
- Axuste de frecuencias: Revisar e ampliar a recollida naquelas zonas que rexistren saturacións habituais, adaptando o servizo ás necesidades reais da veciñanza.
- Promoción dos recursos existentes: Mellorar a información sobre o Punto Limpo de Campaña e o Punto Limpo Móbil, instalando paneis informativos nos contedores con indicacións claras sobre a separación e rexeite de materiais.
- Campañas de sensibilización: Concienciar á cidadanía de que o abandono de lixo prexudica ao conxunto do concello, lembrando a importancia de facer un uso cívico das instalacións.
- Control das concesións: Exixir ao goberno local unha supervisión estricta do cumprimento dos contratos, rutas e condicións por parte das empresas adxudicatarias, promovendo os axustes necesarios cando o servizo resulte deficiente.
Un concello máis coidado e participativo
O voceiro municipal, Fran Devesa, resume o obxectivo da iniciativa sinalando que «queremos unha Valga máis limpa, máis coidada e con servizos municipais que respondan ás necesidades do día a día. Un concello que ofreza unha boa imaxe; e, para conseguilo, é necesario mellorar a xestión, aproveitar os recursos dispoñibles e contar coa colaboración de todas e todos».
BNG, Valga, Lixo,