As Xuventudes Socialistas de Galicia condenan as agresións sexuais a dúas rapazas nas festas patronais de Monforte de Lemos

por Redacción Galicia

As Xuventudes Socialistas de Galicia condenan as agresións sexuais a dúas rapazas que tiveron lugar a madrugada deste martes nas festas patronais da vila luguesa de Monforte de Lemos. A organización socialista moza expresa, igualmente, o seu apoio ás dúas vítimas deste novo episodio de violencia machista en Galicia.

Estrela Vilacoba, a Secretaria de Igualdade das XSG, denuncia a responsabilidade política de quen xustifica a violencia de xénero como fixo Feijóo na precampaña do 23X. “Non podemos tolerar que persoas dunha relevancia tal como un candidato á Presidencia do Goberno xustifique a violencia machista con eufemismos como o ‘divorcio duro’ do candidato á Presidencia da Generalitat Valenciana de VOX”, asegurou a socialista. “Estas actitudes desprezan a loita contra os abusos machistas, e ademais, desprezan á muller”, insistiu.

A Secretaria de Igualdade ligou o aumento de casos de violencia machista visto nos últimos meses coa adopción por parte do PP do discurso de VOX neste eido. “Coa constitución de concellos por toda España vemos como se suprimiron concellerías de igualdade e actos en repulsa de asasinatos machistas ou como o PP puxo ao fronte de institucións públicas a persoas que negan o machismo”, proclamou.

No que respecta a Galicia, sinala que “tamén hai exemplos abondo, como a noxenta campaña da Xunta de Galicia do 25N de 2022, que responsabilizaba, novamente, ás mulleres das agresións machistas, ou as declaracións de altos cargos do PP contra a Presidenta do PSdeG e ex Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva”.

Por outra banda, a organización socialista moza pon tamén de manifesto o aumento do antifeminismo na mocidade. Para acreditar esta información sinalan o estudo do Centro Reina Sofía de Fad Juventud deste 2023 no que se sinala que unha de cada tres persoas mozas enquisadas opinaban que o feminismo “busca prexudicar aos homes” e “non se ocupa de problemas reais, só se usa como ferramenta política”.

“É fundamental que, como sociedade, actuemos conxuntamente contra o machismo, que tanta dor está a causar”, recordou Estrela Vilacoba. “Basta xa de eufemismos, basta xa de xustificación da violencia de xénero e basta xa de inacción”, sentenciou.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario