A Selección de Breogán puxo un broche de ouro este pasado domingo á súa experiencia na segunda edición da Volta a Portugal Feminina Sub-19
Na última etapa, con final no cumio do alto de 1ª categoría de Montejunto, Alejandra Neira conquistou o triunfo parcial entre as cadetes e asaltou o primeiro posto da xeral da súa categoría. A corredora santiaguesa alcanzou a liña de meta xunto á gañadora júnior Natalie Revelo (Matos Mobility) e na táboa absoluta da rolda lusa ocupou a terceira posición.
A aposta da Federación Ciclismo Galego (FCG) polas promesas femininas levou á Selección autonómica a competir con sete corredoras, catro cadetes e tres juniors, durante tres días nunha volta á que acudiron outros catro conxuntos españois para medirse ás formacións portuguesas. A primeira tirada, entre Santarém e Benavente, resolveuse ao esprint con Lara Fuentes acadando a novena praza para o combinado dirixido por Ramón Troncoso. A mellor clasificada galega tivo que abandonar ao día seguinte por mor dunha caída camiño de Almeirim, onde a tamén júnior Andrea Prado rematou novena.
O colofón da Volta a Portugal chegou coa súa etapa raíña e baixo unha calor abafante. Os 61 quilómetros da xornada do domingo concluían cunha ascensión de 6,1 km ao porto de Montejunto. Antes de iniciar as ramplas da subida final, Alejandra Neira amosou o seu bo golpe de pedal ao pasar primeira por unha das dúas Metas Volantes e sumar segundos de bonificación.
O pelotón presentouse compacto ao pé do alto de 1ª categoría, unha unidade que saltou polos aires ao poñerse a estrada costa arriba. Ningunha outra ciclista puido seguir o ritmo que impuxeron Neira e a ecuatoriana Natalie Revelo. Con máis de medio minuto de vantaxe, as dúas mantivéronse xuntas ata o cumio de Montejunto, anotándose a representante do Matos Mobility as vitorias absoluta e júnior. A santiaguesa entrou segunda como vencedora entre as cadetes e facéndose coa xeral da súa categoría por unha marxe de 43” respecto a Irene Capa (Río Miera).
“Tiven moi boas sensacións e encantoume o perfil”, sinalou a corredora que pertence ao Cambre-Renault Caeiro. Ademais de recibir a camisola branca da Xuventude, Neira ocupou o terceiro chanzo no podio absoluto. A júnior salmantina Natalia López (Río Miera), gañadora en solitario da segunda etapa, subiu ao máis alto do caixón tras conservar por 10 segundos o primeiro posto ante Revelo e avantaxar en 2’05” á galega, cadete de primeiro ano.
A Selección de Galicia non sufriu ningunha baixa na última xornada e clasificouse sétima por equipos. Irene Signo, 37ª na xeral; Andrea Prado, 38ª; Ivet Ivanova, 44ª; Xiana Camiña, 52ª; e Nerea Pose, 63ª; contribuíron co seu traballo durante os tres días a un novo éxito do combinado feminino da FCG, que hai un ano lograra tamén en terras lusas a vitoria na xeral da Volta ao Nordeste coa cadete Lorena Patiño.