A Mesa de Contratación clasificou as nove ofertas presentadas e nos próximos días será adxudicado en Xunta de Goberno
A Mesa de Contratación reuniuse para valorar e clasificar as nove ofertas presentadas polas empresas que concorreron ao procedemento e aspiran á adxudicación do contrato de execución do proxecto de mellora da estrada que comunica San Pantaión (parroquia de Golmar) con A Xesta (Soutullo). A actuación está incluída no Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2023-2024 impulsado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).
A intervención proxectada afecta a unha lonxitude lineal de 1,2 quilómetros da vía, que presenta unha anchura de 6,8 metros e tamén dá acceso a outros núcleos de poboación como A Rocha, O Vilar e O Seixoso.
As obras previstas consisten na renovación da superficie de rodadura, a mellora da drenaxe e o reforzamento da seguridade viaria a través da sinalización horizontal e vertical.
Nos próximos días a Xunta de Goberno Local adxudicará as obras á licitadora que presentou a oferta máis favorable para o Concello. O orzamento do proxecto sitúase en torno aos 96.000 euros a cofinanciar entre o Concello da Laracha e Agader.