O Grupo Socialista esíxelle á Xunta que “asuma responsabilidades políticas pola paralización de máis de 40 parques eólicos”

por Redacción Galicia

Patricia Iglesias urxe ao goberno galego a sumarse ao Pacto pola Enerxía Renovable e a Industria proposto por Besteiro e elaborar un novo mapeado e zonificación que permita desbloquear os proxectos paralizados

A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, sinalou hoxe que o “caos” do sector eólico provocado polo PP dende o ano 2009 ten derivado na inseguridade xurídica actual e a paralización de máis de 40 parques eólicos polo TSXG. Iglesias presentou unha pregunta oral na Comisión de Industria do Parlamento para reclamarlle ao goberno galego que se sume ao Pacto polo Eólico proposto por Besteiro como vía para desbloquear a situación.

Esixiulle á Xunta que asuma “responsabilidades políticas” e que asuman os autos de suspensión cautelar que está a emitir o TSXG como “unha boa oportunidades para parar e reflexionar, e ordenar e planificar” antes de que estes deriven na anulación dos proxectos e o pago de indemnizacións. Neste sentido, reclamoulles que se sumen ao proxecto socialista, que aposta pola “ambición renovable”, e realicen unha nova planificación e zonificación respectuosa coas zonas protexidas.

Urxiu á Xunta para que rectifiquen e asuman a mensaxe que está a enviar o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Explicou que a paralización afecta a proxectos que o goberno autoriza malia que invaden zonas previstas de ampliación da Rede Natura e alerta fronte á fragmentación de parques para que non superen os 50 MW e polo tanto eludir a normativa estatal, máis restritiva.

Iglesias defendeu o Pacto pola Industria e a Enerxía proposto polos socialistas galegos, que defenden un desenvolvemento enerxético ordenado, respectuoso co medio ambiente e que conte coa veciñanza, as comunidades locais e os sectores xa implantados. O obxectivo é aproveitar os recursos respectando a biodiversidade e garanta sinerxias coas actividades implantadas para que derive en beneficios para os galegos e as galegas.

Instou ao Executivo autonómico a revisar o canon eólico fixado na Lei eólica de Galicia ou analizar outras medidas fiscais medioambientais “que repercutan en positivo nos concellos afectados pola instalación dos parques”.

A responsable socialista explicou que os socialistas galegos “propoñemos elaborar un mapeado e zonificación das explotacións enerxéticas que permita un desenvolvemento harmonioso dos proxectos renovables”. Tamén propuxo a simplificación normativa e burocrática “que evite o marasmo provocado pola Xunta do PP”, regulando sobre a participación pública contida na directiva de proxectos renovables.

Alertou de que a xestión desastrosa do goberno galego está a provocar que Galicia perda o tren das enerxías renovables que liderou co goberno presidido polo socialista Pérez Touriño e que o PP “mandou parar” coa chegada de Feijóo e Rueda ao goberno galego en 2009. Explicou que foi a súa decisión de parar o plan eólico provocou o freo da instalación de 2.325 MW, poñendo en risco máis de 6.000 millóns de euros en investimento, segundo a Asociación Eólica de Galicia -Aega-.

Reclamoulle ao goberno galego que asuman as súas responsabilidades e traballen por reactivar o sector das enerxías renovables, xa que “a transición enerxética non é unha opción, é unha obriga”, e lembrou que a Comisión Europea ten fixado dende 2021 un paquete de medidas para acadar a neutralidade carbónica na xeración de enerxía en 2050. Iglesias advertiu que “é necesario e urxente aumentar o ritmo de despregue das renovables ata unha cota do 40 por cento en 2030”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario