Candia afirma que a suspensión da Xunta de Goberno Local “por falta de asuntos a tratar” delata “a parálise na que está o bipartito de Lugo”

por Redacción Lugo

A voceira do PP ve inconcebible que “nunha cidade de máis de 90.000 habitantes se aprace a reunión semanal que tiña que terse celebrado hoxe do órgano de toma de decisións máis importante que ten o Concello” achacando esta situación “á  falta de traballo de PSOE e BNG”

A voceira do Grupo Popular, Elena Candia, explicou que Lugo “necesita un goberno implicado, traballador e comprometido que aborde os problemas da cidade” puntualizando que  “a conclusión que sacamos da suspensión da xunta de goberno local proba que temos xusto todo o contrario”.

O decreto que asinou a  alcaldía xustifica a decisón de suspender a reunión, que estaba previsto que se celebrase hoxe ás dez da mañá, indicando que “só figura un asunto para ser tratado nela”.

A popular manifestou que “nunha cidade de máis de 90.000 habitantes con innumerables cuestións de envergadura sen resolver non se entende que se chegue a este extremo” razoando que “esta situación é froito da falta de traballo do bipartito de Lugo”.

En 48 horas, tras chegar de vacacións, a alcaldesa pasa de presumir dunha axenda intensa a asinar como un dos seus primeiros decretos a suspensión desta reunión.

Os populares din que esta decisión afecta é “aos centos de familias, autónomos e emprendedores que agarda anos para que o resolvan as súas peticións de licencias; ou tamén aos lucenses en xeral porque é neste órgano onde se impulsan as adxudicacións de contratos caducados que se deberían abordar canto antes para evitar pagos con reparos de legalidade e aforrar cartos e mellorando os servizos que se prestan aos lucenses.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario