A Xunta abandona Trevinca: arde o único ecosistema alpino de Galicia

O lume arrasa o cume máis alto do país sen que a Xunta enviase medios de extinción durante 48 horas, poñendo en risco un valioso patrimonio natural de incalculable valor.

Pena Trevinca, o corazón da alta montaña galega, arde. O único ecosistema con características alpinas de Galicia, fogar da maior concentración de lagos glaciares da península xunto cos Pireneos, está a ser devorado polas lapas ante o desleixo e a falta de resposta da Xunta de Galicia.

O cume máis alto de Galicia, cos seus 2127 metros de altitude e o seu ecosistema único, hoxe loita por sobrevivir. Un patrimonio natural que marca a raia con Castela e León e que é un baluarte de biodiversidade, está a ser calcinado sen que o goberno galego actuase de maneira efectiva. A denuncia é clara e contundente: durante dous días, a Xunta non mobilizou ningún medio para axudar na extinción deste grave incendio.

Esta inacción, que está a arrasar un dos ecosistemas de alta montaña de maior valor do norte peninsular, non se pode xustificar. A Xunta, no canto de asumir a súa responsabilidade, intenta agochar a súa incompetencia e a súa falta de xestión a través do engano e a mentira. A cidadanía galega non está sendo informada con rigor sobre o que está a acontecer co seu patrimonio natural, o que supón un incumprimento constitucional.

@terras_trevinca

A neglixencia amosada, a tardanza na resposta e a falta de transparencia poñen de manifesto a escasa consideración que o goberno galego ten polo noso medio ambiente. Non hai escusas posibles. A Xunta de Galicia ten unha responsabilidade directa no que está a suceder en Pena Trevinca.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios