O PP considera que a folga do lixo que afecta a traballadores e veciños é consecuencia da “incompetencia” do goberno bipartito de Vilalba

por Redacción Lugo

O Grupo Municipal do PP de Vilalba vén de reunirse cos traballadores da empresa encargada do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria para coñecer a súa situación tras varias días en folga. Para os populares, isto é consecuencia “da incompetencia e da falta de xestión” por parte do goberno local que leva practicamente tres anos sen renovar o contrato do servizo, caducado a finais de setembro do 2020, nin facer un control sobre a súa prestación pola anterior concesionaria.

Os populares urxen, polo tanto, aos responsables do goberno bipartito a “dar unha solución inmediata e definitiva a este conflito que non se debería ter dado se fixeran o seu traballo e cumpriran co que eles mesmos prometeron”. Así, dende o PP de Vilalba condenan “a falta de palabra do PSOE”. De feito, “o mesmo que aseguraba o edil de Servizos Públicos Municipais, Eduardo Vidal, sobre os avances sobre a renovación do contrato fai apenas uns días, era o mesmo que prometía o goberno local a finais de setembro do 2020”.

O PP, que ten reclamado en numerosas ocasións que o goberno local licitara un novo contrato para prestar o servizo dende unha situación de legalidade, quixo coñecer a situación dos traballadores que manteñen a folga reclamando un incremento salarial acorde coa subida do IPC. “Tras tres anos sen contrato entre o Concello e a empresa, os traballadores sofren as consecuencias ante un goberno local encabezado polo Partido Socialista que non é sensible coa súa situación”.

A voceira, Sandra López, explica que “en marzo do 2019 o anterior goberno do PP incrementara en 57.000 euros a achega á concesionaria para mellorar o servizo coa contratación doutros tres traballadores. Pero cando o PSOE chegou ao goberno non fixo seguimento do acordo. A súa irresponsabilidade, por un lado, levou aos traballadores a unha situación insostible e, por outro, aos vilalbeses a non dispoñer dun servizo de calidade”.

PREXUÍZOS PARA OS VECIÑOS E DISCRIMINACIÓN AO RURAL
A popular condena tamén o prexuízo que esta situación supón para os vilalbeses que xa teñen manifestado as súas queixas polas deficiencias no servizo, especialmente nas parroquias do rural. De feito, López cre que “este goberno continúa a discriminar ao rural” tendo en conta que os servizos mínimos fixados no rural foron do 20% fronte ao 70% no casco urbano e que “moitos dos contedores do lixo das parroquias se atopan en mal estado”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario