O PP urxe o arranxo dunha pista en Ombreiro na que algúns camións quedaron atrapados polo mal estado do firme

por Redacción Lugo

A concelleira Flor Rubinos pide ao goberno local de Lugo que está petición non caia no esquecemento xa que “se queremos coidar ás parroquias para que se asenten poboación e iniciativas empresarias nelas hai que darlles uns servizos mínimos e en boas condicións”

Os concelleiros do Partido Popular piden ao goberno local que estude a posibilidade de arranxar unha pista en Ombreiro, que se atopa en moi mal estado, e que, ademais de dar acceso a numerosas fincas, dá servizo a unha iniciativa empresarial que se asentou nesta parroquia e cuxos propietarios tiveron que remolcar con tractores a varios camións que quedaron atrapados mentres levaban mercadorías a esta iniciativa empresarial.

A concelleira popular Flor Rubinos sinala que o goberno local debe considerar esta posibilidade e levala a cabo xa que “se queremos coidar as parroquias do rural e asentar poboación nelas é imprescindible facilitar o traballo daquelas persoas que apostaron polas nosas parroquias para poñer en marcha os nosos negocios”.

A edil popular explica que os propietarios temen que os transportistas deixen de servirlles as mercadorías que precisan para desenvolver a súa actividade ante a imposibilidade de acceder a ela ou polo risco de quedar atrapados no camiño. Hai outra pista que presenta mellores condicións e que chega a esta explotación, pero moitos transportistas a evitan para non ser multados xa que hai un sinal que impide o paso a vehículos de máis de 6 toneladas, polo que “sería preciso revisar a sinalización ou aplicar unha excepción para aqueles vehículos que se dirixan a esta explotación”.

Flor Rubinos insta ao goberno local a que esta petición non caia en saco roto xa que “se tiveron a máxima preocupación para cobrar as taxas da licenza de obra ou para cobrar os impostos correspondentes, tamén deben de tela para que os servizos estean en perfectas condicións”.

Etiquetas ,
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario