O PP pedirá á Deputación de Lugo impulsar a residencia de maiores de Cervantes e ubicala na antiga escola fogar de San Román

por Redacción Lugo

Os populares cren que “é unha magnífica oportunidade para dar un novo uso a estas instalacións sen futuro e paradas dende hai anos” ao carón do CPI coa vantaxe que nesa zona do municipio se crearía “un espazo de convivencia entre pequenos e maiores” inspirado nas tendencias dos centros interxeracionais

É fundamental garantir o benestar de todas as persoas que formamos parte da sociedade pero, sobre todo, daquelas persoas que durante toda a súa vida contribuíron a garantir o benestar dos demais e que, agora, precisan de axuda para poder contar cunha boa calidade de vida, algo para o que é preciso proporcionarlles apoio social, físico e emocional.

Unhas necesidades que se cobren nos centros de atención ás persoas maiores (CAM), unha dotación que os veciños de Cervantes levan demasiados anos agardando pola desidia do propio concello e da Deputación de Lugo.

En Cervantes están fartos da espiral de mentiras dos distintos gobernos de perdedores de PSOE e BNG  na Deputación. Na campaña das municipais do 2015, PSOE e BNG xa prometían esta infraestrutura, e 4 anos despois, en véspera doutras eleccións, o 20 de maio de 2019, a Deputación de Lugo e o Concello de Cervantes formalizaban un convenio interadministrativo de cooperación para a execución dos fins comúns consistentes na construción do CAM neste municipio, que foi modificado posteriormente por dúas addendas.

Segundo o acordado, o Concello de Cervantes comprometeuse a aportar 200.000 euros e poñer a disposición da Deputación de Lugo unha parcela, preferentemente en San Román, a capitalidade municipal, libre de cargas e gravames con licenzas urbanísticas e permisos sectoriais necesarios para a construción do centro residencial. O convenio está en vigor, logo da aprobación de dúas addendas, a última delas precisamente en vésperas das últimas eleccións municipais, despois de 8 anos de enganos, pero semella que os trámites por parte de Deputación e Concello de Cervantes non avanzan.

O voceiro popular na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide, explica que debido a esta situación pedirán no pleno do martes que se inste a Deputación Provincial e ao Concello de Cervantes a impulsar de xeito decidido o Centro de Atención a Persoas Maiores neste municipio e, á vista de que aínda está pendente de decidir a localización para a súa construción, por elo dende o Grupo Provincial piden que se valore a posibilidade de empregar a antiga escola fogar como posible localización para esta dotación.

Esta infraestrutura, actualmente  en desuso, conta con tódolos servizos, incluído un espazo exterior, polo que tendo en conta a dispoñibilidade deste inmoble podería estudarse a posibilidade de adecualo para a construción do CAM do Concello de Cervantes e así poñerse en uso a antiga escola fogar evitando deixar abandonado outro inmoble máis.

Incluso, o Grupo Municipal Popular de Cervantes solicitou formalmente a convocatoria dun pleno extraordinario no Concello para someter a debate dedicar este edificio para a residencia de maiores de forma que se “aproveiten unhas instalacións en desuso” que, situadas a carón do CPI, permitirían crear “un espazo de convivencia entre pequenos e maiores” con importantes beneficios sociais.

Sostenibilidade

“Trátase dunha magnífica oportunidade para poñer en uso as instalacións da antiga escola fogar porque, ademais, permitiría levar a cabo un proxecto moi importante para Cervantes, ademais nesta zona do municipio coincidirían os maiores e pequenos do pobo, por suposto en inmobles diferenciados, pero influenciados positivamente de forma recíproca pola presenza duns e doutros nun mesmo territorio, idea que inspira un modelo xa implantado en Galicia -coma en Ourense ou Arteixo- a través dos denominados centros interxeracionais”, destacou.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario