A voceira socialista na localidade, Carmen Macía, úrxelle ao Concello a renovar esta rede “canto antes porque é inxustificable que os nosos veciños e veciñas teñan que sufrir continuos problemas polos desbordamentos e a saturación das tubaxes”
A agrupación do PSdeG en Bóveda denuncia o mal estado que presenta a rede de saneamento municipal, sobre todo nos núcleos rurais. A voceira municipal socialista, Carmen Macía, úrxelle ao Alcalde a que actúe e dea solucións: “ten que apostar por renovar este servizo básico que leva moitos anos en mal estado e é moi vello, pero non fai nada por arranxar este problema. Debe priorizar as actuacións e estas son moi urxentes”.
“Os veciños e veciñas están continuamente sufrindo problemas de desbordamentos da rede, algo inxustificable, e informan da súa situación ao Concello porque, de feito, teñen que solicitar que lles envíen maquinaria para desatascar cada vez que colapsa”, explica Macía. A situación xa pasa de preocupante en Eimer, na parroquia de San Fiz de Rubián, onde xa “mal conviven con esta realidade dende sempre, pois sofren desbordamentos e a saturación das tubaxes de maneira continua”. O mesmo ocorre en San Cristovo de Guntín, que as augas fecais discorren, incluso, ao aire libre.
A veciñanza está cansa dos malos cheiros ao pé das súas vivendas, “son insoportables e non teñen porque vivir así, as augas fecais entran nas súas casas e nos baixos dos edificios, incluso nas hortas, o que pode ser un gran problema para a saúde”, detalla Carmen Macía.
Continúan os problemas co lixo
A voceira socialista en Bóveda continúa así mesmo alertando da falta de recollida de lixo no municipio. Nas parroquias os contedores están moi cheos, polo que urxe que se axilice o servizo para evitar os problemas e os prexuízos que esta situación lle provoca á veciñanza da localidade.
Os contedores que menos se recollen son os amarelos, que presentan bolsas do lixo amontoadas no chan porque xa superaron a súa capacidade. “Esta situación é unha mostra máis da deixadez deste Goberno, da súa desgana, sen pensar nos problemas que teñen os nosos veciños e veciñas”, inciden dende a agrupación socialista de Bóveda.