Noa Díaz acusa ao ente público de agochar a información do caso omitindo as reaccións da oposición, o apoio de Louzán, ou as críticas de Vero Boquete e de Borja Iglesias
A portavoz do Grupo Socialista na Comisión de Seguimento da CRTVG, Noa Díaz, denunciou hoxe no Parlamento o “novo e inexplicable caso de manipulación informativa” na TVG co Caso Rubiales. A responsable socialista presentou unha pregunta oral na que acusou ao director xeral do ente de apartar a información dos servizos informativos xerais durante os 5 días que tardou o goberno galego en reaccionar.
Díaz criticou a “torpeza” da dirección do ente no tratamento do caso, que supón unha “clara mostra de que están pregados aos intereses do PP e non á sociedade galega, que é a quen se deben”. Mentres o Caso Rubiales era portada en tódolos informativos nacionais e no estranxeiro, en Galicia “5 días tardou o goberno galego en reaccionar, 5 días tardou a CRTVG”.
Non foi ata que se pronunciou a conselleira de Igualdade que o TVG non levou esta agresión sexual á grellas dos informativos xerais, deixándoo como un mero evento deportivo. Polo camiño, lembrou, evitaron reproducir o apoio de Louzán “xustificando ao agresor”, que xa é ex presidente da Federación Española de Fútbol, as reaccións contundentes da oposición ou as denuncias dos futbolistas galegos Borja Iglesias e Vero Boquete, en apoio a Jenni Hermoso.
Acusou ao responsable do ente de evidenciar o seu “desprezo máis absoluto por calquera temática que supoña o rexeitamento do machismo”, mentres lle “rouban á audiencia galega a posibilidade de informarse de maneira obxectiva”. Criticou que “non houbo unha cobertura axeitada no fondo nin moito menos na forma”, amosando unha lamentable “pleitesía coas instancias máis rancias e reaccionarias no deporte, tamén no galego”.