O novo marco lexislativo a análise na XII Xornada da Rede Galega contra a trata sexual

Especialistas dos corpos de seguridade do estado, da avogacía, da acción social ou da valeduría do pobo participarán na xornada que abordará os cambios e limitacións do actual marco lexislativo e as súas propostas de mellora na intervención directa

A Rede Galega contra a trata secual, conformada por 12 entidades de toda Galicia, celebra a súa XII Xornada na sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense o vindeiro 18 de outubro pola mañá. Este encontro para o análise e o debate celébrase cada ano nunha localidade diferente aborda en cada ocasión unha temática relevante contra a trata e a explotación sexual. Este 2023 centrarase no novo marco lexislativo e xuntará a especialistas de primeiro nivel en Galicia e no Estado.

O responsable das investigacións de trata da unidade de élite da Garda Civil, D. Félix Durán Garrido e a avogada especializada en acusación particular por vítimas de trata, Dª. Ana María García Costas protagonizan a primeira das mesas de análise que conducirá a xornalista Sonia Vizoso e na que se analizará o actual marco lexislativo atendendo aos seus recentes cambios e ás súas limitacións. A continuación será a quenda do coordinador de proxectos da Fundación Fernando Pombo, D. Rafael Merino Rus, e da representante da valeduría do pobo estatal, Dª. Elena Arce, que nunha mesa moderada pola doutora en socioloxía Silvia Pérez Freire abordarán propostas de mellora do actual marco legal na intervención directa. A xornada rematará coas conclusións que exporá a propia Rede Galega contra a trata sexual.

Trátase, por tanto, dun importante encontro que xunta a especialistas e profesionais que loitan contra a trata e a explotación sexual dende diferentes ámbitos dentro do marco xurídico-social. Algúns dos obxectivos da Rede e da Xornada son facer un seguimento da aplicación da lexislación existente e garantir a protección e dereitos das vítimas denunciando o seu incumprimento cando sexa necesario e contribuír á creación de propostas e estratexias na loita contra a trata.

A Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo apoian a xornada da Rede Galega contra a trata sexual na que xa é posible inscribirse a través do enderezo electrónico xornadaredegalegacontraatrata@gmail.com e que conta con dúas modalidades de participación, presencial e online, xa que será retransmitida por streaming.

A Rede Galega contra a trata sexual nace en 2008 e é un instrumento de coordinación entre as súas doce organizacións integrantes e unha ferramenta indispensable para a denuncia e a incidencia política na loita contra a trata de persoas.

Comparte éste artículo
No hay comentarios