O Consello Cidadán Galego, máximo órgano de decisión entre Congresos de Podemos en Galicia, reunido este sábado aprobou a súa «Folla de Ruta» de cara aos comicios autonómicos
Dende a forza morada lembran que «Podemos Galicia veu apostando desde o inicio da nosa formación en 2014 polos procesos de acumulación de forzas como a mellor ferramenta» e afirman que é a súa vontade que a fórmula electoral para as próximas galegas sexa «unha coalición unitaria das forzas do país» en referencia a Sumar e a Esquerda Unida.
O documento aprobado tamén fai fincapé en que as dinámicas de configuración de candidaturas das últimas eleccións xerais, que «pillaron a pé cambiado» o espazo e obrigaron a elaborar «de maneira apresurada» o proxecto non poden repetirse. Neste senso, o escrito establece que «calquera proceso que desemboque nunha candidatura unitaria debe comezar necesariamente por un proceso previo de lexitimación popular a través dunhas primarias, nos que a cidadanía debe de estar no centro do proceso deliberativo».
Os morados propoñen unha fórmula na que as listas e o proxecto programático sexan elixidos por votacións con un único censo «que aglutine tanto ás militancias das forzas políticas como a cidadanía de base sen adscrición partidaria previa». Ademais, plantexan que estas primarias tamén establezan «mecanismos de cara a xestionar a pluralidade do espazo á hora de desempeñar o seu labor parlamentario».
Ante a posibilidade dunha convocatoria electoral anticipada por parte do Presidente da Xunta Alfonso Rueda, dende a formación piden a elaboración dunha axenda común canto antes, xa que «os tempos na política contemporánea son frenéticos polo que urxe comezar a traballar dende xa».
O devandito documento destaca que é «habitual en Galicia nas eleccións xerais, que as forzas de progreso sumen máis votos que a dereita» e da pé a posibilidade de «trasladar este resultado ás eleccións galegas», en caso de que «as sensibilidades socioliberal, nacionalista e de esquerda transformadora estén representadas no Hórreo nun escenario de alta participación». Consideran, por tanto que «os tempos son chegados» para «un goberno de progreso en Galicia».
Remodelación do Consello de Coordinación
A maiores, na sesión do Consello Cidadán tamén se aprobaron os seguintes cambios na Executiva do partido. Juan Manuel Da Silva asume a Secretaría de Medioambiente. Pola súa banda a Secretaría de Organización a ocupará a dirixente sindical viguesa Gloria Alonso. Por último, a Secretaria de Comunicación será asumida por Luchi Dolisnii, que fora responsable da Área de Prensa.