As obras reordenarán a avenida cun novo diseño máis estético e accesible, no que se priorizará a mobilidade peonil
A Deputación da Coruña vén de publicar a licitación das obras de remodelación da estrada DP-5804 de acceso á praia de Santa Cristina, en Oleiros, cun orzamento de 1.773.765 euros. As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 6 de novembro.
As obras da Deputación permitirán renovar en gran medida esta transitada avenida, que na actualidade presenta unha serie de deficiencias, cunha actuación integral que ten por obxecto reordenar e humanizar o bulevar cunha delimitación clara da circulación do tráfico rodado e priorizando a mobilidade peonil.
O proxecto contempla a ampliación das beirarrúas, poñendo ao peón como protagonista cunha maior extensión dedicada á actividade social. Habilitaranse zonas de estancia e puntos de encontro e zonas axardinadas, instalarase novo mobiliario urbano e levaranse a cabo actuacións que propiciarán unha notable mellora estética da zona e, ao mesmo tempo, unha redución da velocidade de circulación do tráfico rodado na travesía.
As obras conservarán, ou incrementarán se é posible, as prazas actuais de aparcamento debido á forte demanda de estacionamento, cun novo deseño máis accesible e estético e integrando na planificación as árbores xa existentes. A vexetación terá un maior protagonismo tras a remodelación do acceso á praia.
Deste xeito, os cambios na xeometría actual da rúa contemplan a supresión ou redución no ancho da mediana, para dotar dunha maior sección transversal ás beirarrúas na marxe esquerda
Tamén se procederá á renovación do alumeado público, plantexando a disposición de novos báculos de iluminación nas marxes en lugar de dispoñelos na mediana.
Por outra banda, renovarase a rede de drenaxe da calzada existente e soterraranse as liñas eléctricas situadas na marxe esquerda. O proxecto prevé a necesidade de renovar os actuais contedores de residuos subterráneos.
Na parte final da rúa, aproveitarase o tramo do carril esquerdo en desuso para xerar unha zona de estancia ampliando a beirarrúa da marxe esquerda, ademais de elevar a cota da calzada xerando un tramo de plataforma compartida na chegada á contorna do paseo marítimo.