O PSOE de Arteixo esixe que o goberno local dote de accesibilidade real aos areais do municipio 

Os socialistas denuncian que as bandeiras azuis do municipio son un «escaparate» que non garante o baño autonómo a persoas con mobilidade reducida ou familias con carriños

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo puxo sobre a mesa a necesidade urxente de transformar os areais do concello en espazos 100% inclusivos e accesibles. A formación denunciou no último pleno que, malia os distintivos e bandeiras azuis dos que presume o Executivo de Carlos Calvelo, a realidade é que Arteixo carece dos servizos e equipamento para que persoas con discapacidade, anciáns ou familias con carriños de bebé poidan gozar do mar con autonomía e seguridade.

O portavoz socialista, Martín Seco, lembra que en España arredor do 20% do litoral conta con adaptacións de primeiro nivel, con referentes en Galicia como a praia de Samil en Vigo, mentres que en Arteixo “a accesibilidade segue a ser unha materia pendente pola falta de planificación municipal.”

Como medida inmediata e de fácil execución, o grupo municipal socialista propón ao Concello a adquisición e instalación temporal dun sistema de pasarelas portátiles e pregables. Este tipo de infraestruturas, fabricadas con materiais antiescorregadizos e de alta resistencia, pódense despregar dende os paseos marítimos ata a propia beira do mar durante os meses de verán e retirarse no inverno para evitar a súa deterioración polos temporais.

«Son solucións técnicas sinxelas e económicas que xa funcionan en decenas de concellos costeiros e que mudarían radicalmente o día a día de moitos veciños e visitantes que hoxe teñen vetado o acceso á area», explica Seco.

Unha estratexia integral de praias inclusivas

A iniciativa do PSOE advirte que unha praia accesible non é só colocar un cartel, senón planificar unha rede completa de servizos e equipamentos adaptados con aparcamentos reservados e ben sinalizados xunto aos accesos principais; sinalización inclusiva visual, táctil e auditiva; aseos, e duchas adaptadas e zonas específicas de sombra para descanso e transferencia.

Ademáis o grupo municipal socialista solicita material de baño adaptado: adquisición de cadeiras anfibias, muletas de baño, arneses e chalecos de flotación; e a contratación de persoal de socorrismo formado de xeito específico para prestar asistencia e apoio no baño adaptado.

«De nada serve presuma de ter bandeiras azuis se despois unha persoa en cadeira de rodas, un maior con problemas de mobilidade ou unha familia cun carriño de bebé non poden chegar á auga. Arteixo non pode seguir á cola da inclusión no litoral galego. Con solucións tan sinxelas como a compra de pasarelas portátiles e a dotación de cadeiras anfibias, poderíamos ter areais exemplares. É unha cuestión de empatía, de xustiza social e de vontade política», manifestou o voceiro socialista, Martín Seco.

Fotografía: Exemplo de pasarela de praia portátil

Comparte éste artículo
No hay comentarios