Quizais a palabra «sororidade» sexa algo recente, pero nada que non leven practicando as mulleres do mundo en calquera época e lugar. Esa rede de afecto e solidariedade en pos da supervivencia é a base da película de Jaione Camborda, en portugués e nese galego que non é necesariamente o académico, pero si o que leva xeracións transmitíndose nos fogares, ese berce onde nace o amor á língua dos nosos devanceiros e que algúns, cada vez menos pero tamén máis valiosos, aínda falan e namoran dela.
Ser muller en tempos escuros e de pecado era sinónimo de angustia e dor, de escasos recursos, sufrimento e unha valentía para a que non naceran, pero á que se viron abocadas por homes e cleros. Secundarias agás para traballar, puras e decentes, sen desexo que poida manifestarse. Vítimas eternas das ditaduras, das relixións, do asoballamento que as fai conscientes de non teren a ninguén máis que a si mesmas ou a outras mulleres, únicas capaces de poñerse na súa pel por pura experiencia adquirida. Maltratadas por unha Natureza na que dar vida supón o desgarro, moitas veces a soidade e, cando non, o desprezo. Segue a pasar a diario, mulleres que precisan unha axuda que só reciben doutras, na clandestinidade ou en entornos máis avanzados onde igualmente precisamonos porque aínda hai moito polo que loitar. Opresiva e austera emocionalmente, sen concesións para a lírica nun tempo onde a bioloxía xogaba a ruleta en cada nacemento. En cada unha desas nenas que vía alumear a outra para seguir, unidas, esa cadea invisible de sororidade que traspasa todo cando impide o paso das mulleres do futuro. Por máis que tantas delas non o saiban.