Critica a falla de investimento para reforzo da Xustiza ou para cumprir coa atención ás vítimas de violencia de xénero nus Orzamentos que manteñen a Galicia como unha das autonomías que menos destina en Axuda ao Desenvolvemento
A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, criticou hoxe o continuísmo dos Orzamentos da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, que constitúen un “mero trámite” que non ofrece “nada novo baixo o sol”. Castro interveu na comparecencia en Comisión para presentar as contas do Departamento para 2024, que manteñen a precarización no persoal da Xustiza e “esquecen” a axuda ao desenvolvemento.
A responsable socialista criticou a falla de compromiso político na Consellería, que se “limita á mera xestión do existente sen ambición”, como demostra a falla de esforzo para mellorar as condicións da administración da Xustiza en Galicia. Criticou que os Orzamentos non teñan “nin rastro da implantación da quenda de garda 24H nos xulgados de Instrución da Coruña e Vigo”, que cumpren os requisitos para esta “mellora substancial na resposta á cidadanía”.
Paloma Castro advertiu que máis alá do edificio xudicial da Estrada ou a ampliación do Imelga en Santiago, continúan sen actuar nos novos edificios de Padrón, Ferrol, Sarria, Vilagarcía ou Cambados. Advertiu ademais que “de nada vale ter grandes infraestruturas nin equipamentos modernos se o dereito da cidadanía a un proceso sen dilacións indebidas non se cumpre”, pola negativa da Xunta a reforzar o persoal e mellorar as condicións laborais.
Criticou que “de nada serve que se cree un xulgado especial ou exclusivo de violencia de xénero en cada unha das grandes cidades se unha muller vítima ten que agardar 2 anos por un informe pericial” pola saturación do Imelga.
Apuntou que o goberno galego incumpre cos requisitos do Pacto de Estado que obriga a crear unha atmosfera de seguridade e protección para as vítimas, sinaladamente cando se trata de xulgados mixtos que coñecen outras materias. Urxiu a redactar un Plan de medidas de protección ás vítimas de violencia de xénero dentro das sedes xudiciais, previsto para un período de 4 anos para a adecuación progresiva dos xulgados.
Paloma Castro apuntou que nos Orzamentos para o próximo ano o goberno galego continúa a incumprir a nova Lei de Memoria Democrática, que obriga á Xunta a tomar medidas para repoñer recoñecer, reparar e dignificar a memoria das vítimas do golpe de Estado, da Guerra Civil e a ditadura franquista. Denunciou que levan 14 anos sen destinar nin un só euro á recuperación da memoria, que “non se pode conformar coas partidas finalistas que chegan dende o Estado.
A parlamentaria socialista reivindicou unha partida para elaborar e executar un Plan 2024 – 28 para a recuperación da memoria histórica, tal e como sinala a nova redacción da Lei. Este debe marcar, dixo, “as diferentes iniciativas nesta materia que se van impulsar dende o goberno da Xunta nos próximos anos, con especial referencia ao papel das mulleres galegas na loita pola liberdade e a democracia”.
Cooperación
Paloma Castro lamentou a falla de compromiso do goberno galego na axuda ao desenvolvemento, incumprindo o Plan Director e reducindo o orzamento destinado ás ONGDs, que “están a traballar no terreo nunhas circunstancias cada día máis perigosas”. Advertiu que Galicia é unha das autonomías que menos destina en Axuda ao Desenvolvemento, apenas o 0,06 por cento do PIB, menos da metade da media, que se sitúa no 0,13 por cento.
Esixiulle “rectificar o despropósito” da partida destinada á cooperación, incrementando paulatinamente a partida co horizonte de acadar o 0,7 por cento en 2030. Advertiu do “mal exemplo á cidadanía e falla total de cumprimento dos compromisos” adquiridos no seu V Plan Director, que vén de ser aprobado e xa están a incumprir.
Advertiu que o novo conselleiro continúa “enquistando” o problema herdado do seu predecesor, o agora presidente Rueda, para á comarcalización dos parques de bombeiros das grandes cidades, ao amosar a “mesma falla de diálogo”. Lembrou noutro sentido que o goberno galego ten que renovar o convenio da Unidade Adscrita da Policía Nacional a Galicia para rematar co incremento dos efectivos ata chegar aos 500 previstos na plantilla.
Reiterou o rexeitamento ás declaracións “impresentables” do presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, que tildou a agresión a Jenni Hermoso de “erro que se comete na vida”, e que obtiveron o “amparo inaceptable” do presidente da Xunta. Castro reclamou unha partida específica para a promoción do deporte feminino en Galicia e para adaptar as infraestruturas deportivas ás mulleres, ademais de mellorar as axudas aos deportistas de alto nivel.