As centrais de gas fósil de Sabón e As Pontes están a cubrir parte do oco deixado polo carbón e a coxeración fósil
Segundo os datos divulgados por Rede Eléctrica (Redeia) (1), a xeración eléctrica renovábel en Galicia aumentou o 43% nos nove primeiros meses de 2023 con respecto ao mesmo período de 2022, debido á recuperación da produción hidroeléctrica. Sen embargo, diminuíu o 3% en comparación coa produción media durante os nove primeiros meses do ano rexistrada no período 2018-2022.
A pesar de non ter aumentado en termos absolutos, a porcentaxe de produción eléctrica renovábel sobre a total subiu en relación á media dos cinco anos anteriores para se situar no 69,7% no que levamos de 2023 (2). Unha cifra lonxe do obxectivo do 100% para 2030, o máis aliñado co Acordo de París contra o cambio climático, mais tamén inferior aos obxectivos para o mesmo ano da Xunta (84,8%) e do Ministerio para a Transición Ecolóxica (81% de media en España).
Fontes | xan-set 2022 | xan-set 2018-2022 | xan-set 2023 | |||
MWh | % total | MWh | % total | MWh | % total | |
Hidráulica | 2.237.015 | 15,1 | 5.056.666 | 28,1 | 4.778.689 | 29,6 |
Eólica | 6.312.767 | 42,6 | 6.218.849 | 34,5 | 6.178.383 | 38,3 |
Solar fotovoltaica | 19.257 | 0,1 | 17.847 | 0,1 | 19.684 | 0,1 |
Biomasa e biogás | 382.086 | 2,6 | 291.179 | 1,6 | 265.700 | 1,6 |
Xeración renovábel | 8.951.125 | 60,4 | 11.584.541 | 64,4 | 11.242.457 | 69,7 |
Turbinación bombeo | 57.711 | 0,4 | 31.715 | 0,2 | 156.389 | 1,0 |
Ciclos combinados (gas fósil) | 3.653.616 | 24,6 | 2.148.662 | 11,9 | 2.977.660 | 18,5 |
Carbón | 643.802 | 4,3 | 2.347.026 | 13,0 | 616.334 | 3,8 |
Coxeración (gas fósil, gasóleo, fuel) | 1.289.780 | 8,7 | 1.645.652 | 9,1 | 904.128 | 5,6 |
Residuos | 232.382 | 1,6 | 243.635 | 1,4 | 232.850 | 1,4 |
Xeración non renovábel | 5.877.290 | 39,6 | 6.416.690 | 35,6 | 4.887.361 | 30,3 |
Total | 14.828.415 | 18.001.231 | 16.129.817 |
De acordo cos datos divulgados por Rede Eléctrica, a potencia renovábel instalada en Galicia ficou estancada durante os nove primeiros meses de 2023. Nesta cifra non se inclúe o autoconsumo solar fotovoltaico, que seguramente terá achegado unhas decenas de MW máis aos 7.702 MW de potencia renovábel, cun impacto moi limitado na produción.
A participación das fontes renovábeis na xeración eléctrica nos nove primeiros meses de 2023 medrou 5,3 puntos con respecto ao mesmo período de 2018-2022, mais non polo aumento da súa produción senón polo descenso da xerada con carbón e nas centrais de coxeración fósil que subministran electricidade e calor a algunhas industrias.
O 4 de outubro pasado, coa desconexión da central de carbón das Pontes, foi o derradeiro día da xeración eléctrica con carbón en Galicia. Nos nove primeiros meses deste ano o carbón importado achegou o 3,8% da electricidade obtida en territorio galego. Unha cantidade relativamente pequena, mais que abondará para colocar a esta central eléctrica entre as industrias galegas con maiores emisións de gases causantes de cambio climático en 2023.
A baixada da achega do carbón e das centrais de coxeración, alimentadas por gas fósil e produtos petrolíferos, provocou unha redución da produción eléctrica total e un incremento da actividade das centrais de ciclo combinado a gas fósil de Sabón (Naturgy) e As Pontes (Endesa). A produción conxunta destas centrais medrou o 39% nos primeiros nove meses de 2023 con respecto ao mesmo período de 2018-2022, mentres o total de electricidade producida diminuíu o 10%.
O lento avance da transición eléctrica en Galicia arrastrado desde comezos da década de 2010 está a fortalecer o papel das centrais de ciclo combinado a gas fósil inauguradas en 2007, especialmente en anos secos como o pasado e durante o verán. Así, en xuño e xullo deste ano lideraron a produción eléctrica no noso país, atinxindo un 35% da total. Tamén cómpre destacar que a suma de todas as fontes non renovábeis representou o 44-50% da electricidade producida entre xuño e setembro.
A tendencia á estabilización da produción eléctrica renovábel nos últimos anos, unida á falta de progresos na electrificación do consumo de enerxía (3), está a lastrar a loita contra a crise climática desde Galicia. A xuízo do Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI), é preciso duplicar a potencia eléctrica renovábel e a electrificación da demanda enerxética no que resta de década, así como pechar as centrais de ciclo combinado a gas fósil antes de 2030.
Notas
1. Datos procedentes de Red Data (https://www.ree.es/es) e da app redOS.
2. Non se inclúe nesta cifra a incineración de residuos orgánicos, por non a considerarmos unha fonte renovábel, aínda que si o é oficialmente. Con residuos, a xeración renovábel supón o 70,4%.
3. Máis información sobre este aspecto en https://ogacli.org/electrificacion-da-economia/.