Nova plataforma de xestión integral da Policía local de Lugo

por Redacción Lugo

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, supervisou esta mañá o desenvolvemento do curso de  formación no manexo e funcionamento da nova plataforma de xestión integral da Policía local. O obxectivo que persegue o Goberno local coa adquisición desta moderna ferramenta é axilizar o fluxo de traballo do corpo para lograr a maior eficacia posible en beneficio da seguridade da cidadanía. “Trátase dun avance moi relevante no proceso de traballo que ten implicacións moi diversas desde o punto de vista da eficacia policial e a seguridade cidadá. Ademais, nos permite avanzar na meta de acadar unha administración local 100% dixital. A chegada dun recurso de alto valor coma este trae aparellado o necesario proceso formativo, que afortunadamente avanza segundo o planificado, polo que a ferramenta estará integrada antes de que remate o ano”, informou a rexedora.

Deste xeito, o novo sistema, que conta coa cofinaciación do 80% dos fondos Feder da UE e se enmarca na estratexia DUSI, terá repercusións directas a partir de xaneiro en ámbitos tan diversos como os labores de seguridade, a organización de operativos, a xestión de eventos, o tráfico ou os atestados policiais, entre outros aspectos administrativos de carácter interno. “A formación que están a recibir os axentes permite que, dun xeito totalmente dixital e coa posibilidade de acceso remoto, dispoñan máis rápido dos datos necesarios para desenvolver o seu labor, ao tempo que reduce os tempos dos traballos administrativos e abre a posibilidade de estandarizar a comunicación con outros organismos. Estamos convencidos de que  este cambio vai repercutir de forma directa na seguridade percibida pola veciñanza”, sinalou Méndez.

“O noso proxecto de dixitalización fixa uns obxectivos moi altos e abarca todos os servizos do Concello. De feito apostamos por que, a curto ou medio prazo, toda a documentación que se xestiona no Concello de Lugo, unicamente sexa tramitada en formato electrónico. Aspiramos, na liña de toda a nosa acción política,  a lograr a máxima sustentabilidade e a deixar o uso do papel no pasado, o que se traduce, nun aforro económico e nunha mellora ambiental, moi acorde co modelo de cidade polo que estamos a apostar», proseguiu.

O novo sistema de xestión integral policial súmase a outras iniciativas de importante calado postas en marcha polo Executivo de Lara Méndez en prol deste obxectivo, como a instauración da Sede Electrónica en 2020, que permite a tramitación dixital dos expedientes municipais, que sumadas as melloras realizadas dentro das distintas liñas de actuación, permiten un aforro anual estimado en 1,6 millóns de euros ao ano, o que se traducirá nun aforro neto acumulado que en 2024 superará os 8 millóns de euros.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario