A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, asistiu este domingo xunto ao Alcalde de Navia de Suarna, José Fernández, Gómez Besteiro á estrea de Sirat, a última película de Oliver Laxe, neste municipio da Montaña lucense. A cita, que foi posible grazas a unha achega da Deputación de Lugo de preto de 8.000€, contou coa presenza do cineasta lucense que vén de ser distinguido no Festival de Cannes e de centos de veciños e veciñas da provincia.
“É un orgullo inmenso estar, en Navia de Suarna, nun día que xa pertence á historia da nosa provincia. Celebramos a estrea mundial de SIRAT, a nova película de Oliver Laxe, un cineasta que non só conquistou os festivais máis prestixiosos do mundo, senón tamén o corazón da nosa terra”, declarou García Porto. Agradeceu o labor do director, a súa ambición e a súa humildade “un espello no que se poden mirar os nosos mozos e mozas” e tamén o seu compromiso coa cultura e co territorio.
Destacou o compromiso da Deputación de Lugo co audiovisual, que se traduce en diferentes colaboracións con producións como O que arde, tamén de Oliver Laxe; ou a través do Centro de Formación Audiovisual e da produtora da institución provincial, “espazos onde nace e medra o futuro do cine feito en Lugo”. Sinalou que o audiovisual é “un motor de transformación, un vehículo de identidade e un recurso estratéxico para o desenvolvemento do rural”.
Agradeceu ademais ao cineasta naviego “por levar o nome de Navia e da provincia Lugo tan alto, e por lembrarnos que dende aquí tamén se pode soñar en grande. O teu traballo dálle forza ao noso rural, ao noso idioma e á nosa maneira de estar no mundo”.