Noelia Otero sinala que o informe da Valedora alerta do “desleixo” da Xunta á hora de defender os servizos públicos

por Redacción Galicia

Sinala que sanidade, educación e política social supoñen o 72 por cento das reclamacións enviadas á Valedoría do Pobo

A parlamentaria socialista Noelia Otero dixo hoxe que o informe da Valedora do Pobo da a medida do “desleixo” da Xunta á hora de defender os servizos públicos. Na comparecencia da Alta Comisionada no Pleno do Parlamento para dar conta do informe de 2022, advertiu que Sanidade, Educación e Política Social, todas elas competencias do goberno galego, aglutinan o 72 por cento das reclamacións recibidas.

Otero sinala que estes datos “ilustran sen lugar a dúbidas onde está o problema, onde están as debilidades e onde falla a vontade política da Xunta de Galicia”, que deixa en “desamparo” aos galegos e galegas. Estes asuntos “ocupan boa parte do informe porque preocupan, porque discriminan, porque limitan os dereitos das galegas e dos galegos”, e que son dereitos recoñecidos que “se topan coa falta de recursos e mala xestión das consellerías responsables”.

Así, o informe está cheo de reclamacións pola falla de pediatras e médicos de atención primaria, así como listas de espera cirúrxicas e para probas diagnósticas, o mal funcionamento do transporte escolar na educación ou as listas de agarda “insoportables” por recibir a atención á Dependencia. Neste sentido, advertiu que en setembro de 2023 había 1.903 persoas pendentes de recibir a súa prestación, e 260 faleceron na lista de espera só entre decembro de 2022 e maio de 2023.

A parlamentaria socialista advertiu que a vivenda é outro dos eixos deste informe, que revela a vulnerabilidade e o colapso do rexistro único de demandantes de vivenda. Criticou que a Consellería responsable prefira “axitar o medo ás okupacións”, que sobredimensiona con intereses políticos unha situación “para non falar dos datos reais de persoas vulnerables que agardan por ter un teito cun alugueiro asequible”.

Salientou o traballo da Valedora en materia de Igualdade, que neste informe aproveita para advertir da necesidade de seguir avanzando no ámbito da violencia de xénero e reclamando que se teña tamén en conta ás mulleres asasinadas “polo feito de ser muller” pero fóra dunha relación sentimental tras coñecer as novidades sobre o asasinato hai dez anos de Elisa Abruñedo.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario