O Grupo Socialista presenta no Parlamento galego unha proposta de declaración institucional que pida poñer fin “aos discursos de odio que fomenten comportamentos hostís contra os partidos políticos democráticos”
O PSdeG-PSOE da provincia da Coruña condena o ataque contra a Casa do Pobo de Ferrol, a sede dos socialistas da cidade, e os demais episodios de vandalismo e acoso vividos en toda España nos últimos días.
Dende a formación sinalan que este “non é un ataque ao PSOE, senón á democracia”, e instan ás demais formacións políticas locais e galegas, e en particular ao PP de Ferrol e ao PPdeG, a condenalo e rexeitar o uso da violencia. “Actos coma estes son inadmisibles nunha sociedade democrática”, engaden.
Nesta liña, o Grupo Parlamentario Socialista presentou na cámara galega unha proposta de declaración institucional para que, dende o propio Parlamento de Galicia, se pida poñer fin “aos discursos de odio que fomenten comportamentos hostís contra os partidos políticos democráticos e os seus membros”.
A declaración, cuxa aprobación depende do Partido Popular, supón tamén “condenar os ataques contra as sedes socialistas, así como as ameazas, insultos e ataques aos seus membros”. Así mesmo, o texto amosa o seu apoio “ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado no cumprimento efectivo das súas función e na defensa da orde pública Constitucional”.
“As discrepancias e as diferenzas políticas nunha sociedade aberta e respectuosa como a galega hai que abordalas sempre a través do diálogo e da comprensión, afastándonos dos comportamentos irracionais que debemos enfrontar e rexeitar dende todas as institucións para protexer os valores democráticos da sociedade”, sinalan os socialistas.
Dende o PSdeG-PSOE provincial da Coruña lembran así mesmo que “esta é a consecuencia do discurso do odio e a crispación que algúns partidos sementan na nosa sociedade”.