A Fundación Galiza Sempre presenta en Lugo o caderno ‘O ferrocarril en Galiza’

por Redacción Lugo

O caderno preséntase no mesmo ano no que se celebra o 150 aniversario da inauguración da primeira liña ferroviaria na Galiza entre Cornes (Compostela) e o porto de Carril (Vilagarcía de Arousa)

O think tank do BNG, a Fundación Galiza Sempre, presenta o xoves 23 de novembro ás 20:15 no Vello Cárcere de Lugo o último caderno da súa colección Ideas Impresas. Este novo número está dedicado ás infraestruturas de Galiza en materia ferroviaria. Un informe técnico elaborado polos xeógrafos Mateo Varela, Miguel Pazos e Rubén Lois, ámbolos tres investigadores da Universidade de Santiago de Compostela e membros do grupo de investigación ANTE (Análise Territorial GI-1871).

  • Mateo Varela Conrado (1992). Doutor en Xeografía pola Université de Toulouse Jean Jaurès coa tese Ferrocarril e territorio en Galiza: unha análise da gobernanza contemporánea (2022). Investigador asociado da USC.
  • Miguel Pazos Otón (1972). Profesor titular de Xeografía Humana na Universidade de Santiago de Compostela. Dende 2014 é director do CETUR (Centro de Estudos e Investigacións Turísticas) da USC. É doutor pola USC coa tese Movilidade da poboación na Galiza occidental: o eixo urbán atlántico galego (2002).
  • Rubén Camilo Lois González (1961). Catedrático de Análise Xeográfica Rexional na USC e director do departamento de Xeografía da mesma universidade. Coordinador do grupo de investigación ANTE e vicepresidente da Unión Xeográfica Internacional. Foi tamén Director Xeral de Turismo no período 2005-2009 e doutorouse coa tese Aproximación a unha xeografía da mocidade. Estudos socioespaciais dos centros de España (1992)

O  padroado da Fundación Galiza Sempre tomou a decisión de dedicar este oitavo volume da colección Ideas Impresas a analizar a fondo o sistema ferroviario galego. Faino a través dun completo estudo monográfico no que se recolle unha análise panorámica sobre a historia, a situación actual e as perspectivas de futuro da rede ferroviaria galega. Deste traballo é posíbel extraer unha radiografía actualizada do ferrocarril no noso país e interesantes conclusións útiles para o debate, o contraste de ideas e propostas e, en definitiva, para contribuír á construción dunha alternativa seria, rigorosa e ambiciosa para dotar á nosa nación dunha rede ferroviaria á altura do que precisa e merece a Galiza do s.XXI.

No acto intervirán Maite Ferreiro, concelleira de cultura en Lugo e dous dos coautores da publicación, Mateo Varela e Rubén Lois.  Na propia presentación, será repartido de forma gratuíta o caderno.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario