O 65% da poboación da provincia de Lugo conta cun alcalde ou alcaldesa do Partido Popular

A presidenta do PP da provincia de Lugo, Elena Candia, destacou que na actualidade, tras acceder ao goberno da cidade de Lugo, “o 65% da poboación da provincia (máis de 212.000 habitantes) conta cun alcalde ou alcaldesa do Partido Popular”.

A dirixente popular analizou os datos durante unha reunión de traballo con representantes da formación na zona centro da provincia á que asistiron alcaldes, portavoces, cargos institucionais e orgánicos do PP lucense que se enmarcan dentro das súas actividades periódicas de “coordinación”.

Precisamente apostou pola coordinación tamén á hora de “materializar proxectos comúns desde as institucións nas que se goberna”. Concretamente, convidou aos compañeiros da formación a sumar sinerxías para desenvolver proxectos na zona en eidos como a mobilidade ou o turismo cos que “se visibilice o noso modelo de comarca e de provincia”.

O PP lucense consolídase como a forza política maioritaria e o gran referente da xestión municipal no territorio ao liderar o benestar da gran maioría dos lucenses, case 2 de cada 3. O PSOE sitúase como segunda forza gobernando para o 21% da poboación, os partidos independentes para o 12% e o BNG tan só para o 1,6% dos habitantes da provincia.

Candia cre que “os datos poñen de manifesto que é un bo momento para o noso proxecto político, pero iso supón tamén unha gran responsabilidade ante a que debemos responder con feitos e traballando dende a humildade”, subliñou.

A presidenta provincial defende que “o Partido Popular lucense representa a estabilidade e proximidade” grazas ao traballo diario dos alcaldes e alcaldesas “dende a responsabilidade, dedicación e compromiso cos seus veciños”. A este respecto lembrou a recente elección de Benjamín García como alcalde do Páramo ao que lle desexou moitos acertos e tivo palabras de recoñecemento e afecto para o ex alcalde José Luis López, especialmente “por ter apostado polo noso proxecto político”.

Así mesmo, recoñeceu a “implicación” e o labor dos portavoces tendo en conta que “dende a oposición, moitas veces, é menos agradecida” e o apoio dos membros da directiva e dos representantes nas distintas institucións.

Candia convidou a todos a “traballar dende a unidade” de cara ás vindeiras eleccións municipais co obxectivo de que o PP lucense volva a ser a forza na que confíen a maioría dos veciños e veciñas da provincia.

O PP lucense dará continuidade a estas reunións con xuntanzas de traballo cos representantes nas zonas sur e norte da provincia antes do período estival.

Comparte éste artículo
No hay comentarios