Luis Álvarez critica o “escaso interese” de Rueda coa Igualdade

por Redacción Galicia

O portavoz do Grupo Socialista cualifica de “atrocidade” a réplica do PP en redes criticando un chío de Julio Torrado lembrando o aniversario do asasinato de Ernest Lluch

O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, lamentou o “escaso interese” amosado polo presidente da Xunta coa Igualdade a conta da escasa presenza destas políticas nos Orzamentos da Xunta para 2024. Álvarez criticou no Pleno do Parlamento a falla de compromiso do goberno galego na materia, e reclamoulle sen éxito a Alfonso Rueda que se declarara feminista, o que, subliñou, “vendo as súas políticas costa pensar que o sexa”.

Con motivo da celebración do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia de Xénero, Álvarez centrou a sesión de control ao presidente da Xunta na falla de políticas en materia de Igualdade por parte da Xunta. Sinalou á falla de orzamentos da Xunta, as consecuencias do xiro do PP con respecto á violencia de xénero logo dos seus pactos con Vox e a “ineficacia” da Lei de Igualdade aprobada onte no Parlamento.

Álvarez desmentiu as afirmacións de Rueda sobre un suposto incremento dos Orzamentos en materia de Igualdade, e lembrou que o goberno galego dedica 16 millóns de euros á materia fronte aos 40 millóns que orzamentara o Executivo presidido polo socialista Pérez Touriño. Puntualizou que o 90 por cento da partida de axuda persoal e para a conciliación proceden de fora da Xunta, igual que o 70 por cento do programa de protección ás vítimas de violencia de xénero.

Advertiu que o goberno galego “falla na prevención”, que centran en “campañas de baixo impacto con andainas ou cursos para escolares”, mentres Galicia afronta un “mes negro na violencia contra as mulleres”, cun incremento do 12 por cento nas denuncias por violencia machista con respecto ao ano anterior e xa dúas mulleres asasinadas no que vai de ano.

“Leccións ningunha en materia de Igualdade”, espetoulle ao presidente da Xunta logo de lembrar as “campañas infames” do goberno galego “nas que se corresponsabiliza á muller da posible agresión que poida sufrir”. Álvarez amosou o cartel da campaña “inadmisible” do 25-N de 2022 na que a Xunta apuntaba que “non debera pasar, pero pasa”, cunha foto dunha muller facendo deporte pola rúa, e poñendo o foco na vítima no canto do agresor.

Explicou que “esta muller quer ser libre para correr pola mañá, pola tarde e cando lle pete, con mallas de deporte ou sen mallas de deporte”. Aludiu á polémica de Feijóo no debate de investidura de Pedro Sánchez, no que confundía unha cita de Machado cunha canción de Ismael Serrano lembrando un verso do cantautor que di “cuando llegaron ellas para asaltar el cielo habían perdido tanto que perdieron el miedo, y de camino a casa no quieren ser valientes, solo quieren ser libres”.

O portavoz socialista acusou ao PP de “obviar a violencia de xénero para pactar con Vox”, logo de que Feijóo dixera que é “unha obviedade” para xustificar que non fora incluída nos pactos coa extrema dereita. Puntualizou que “non é unha obviedade: é unha traxedia social e cultural”, aludindo á negativa do PP a condenar as palabras do seu líder cando xustificou ao candidato de Vox por Valencia condenado por maltrato dicindo que tivera un “divorcio duro”.

Atrocidade

O responsable socialista comezou a intervención cualificando de “atrocidade” o chío publicado onte en redes sociais polo PP no que descualificaba unha publicación previa do deputado Julio Torrado lembrando o aniversario do asasinato do ministro de Sanidade do PSOE Ernest Lluch a mans de ETA hai 23 anos. Álvarez criticou as afirmacións do PP, que falaba de “melancolía impostada” dos socialistas galegos no que cualificou de “lamentabilísimo incidente”.

Álvarez emprazou á “sección non – Vox” no PP a condenar esta resposta en redes, logo de que o presidente da Xunta se negara a rectificar, e dirixiuse ao “autor ou autora intelectual” desata publicación para ofrecerlle “unha valoración culinaria: me gusta la fruta”, lembrando unha recente intervención da presidenta de Madrid.

O portavoz do Grupo Socialista aludiu tamén á decisión do Tribunal Supremo de abrirlle causa Penal ao ex presidente do PP de Ourense, ex presidente da Deputación provincial e actual senador Manuel Baltar por conducir a 215 quilómetros por hora. Dixo que “se fora do PSdeG onte pola tarde tería presentada a súa dimisión en base ao noso código ético”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario