O CSIC evalúa De Maior Crea, unha iniciativa coruñesa de envellecemento creativo que pon freo ao edadismo

O Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) presentará o vindeiro luns as conclusións dun informe realizado nos dous últimos anos sobre o proxecto De Maior Crea, unha iniciativa educativa coruñesa, impulsada polo Concello, na que as persoas maiores son as protagonistas da súa propia formación no mundo audiovisual.

As valoracións achegaranas unha investigadora do CSIC, Gloria Fernández-Mayoralas, e unha profesora da UNED, Ángeles Molina Martínez. Estarán acompañadas pola concelleira de Benestar Social da Coruña, Yoya Neira.

O acto, aberto aos medios de comunicación, desenvolverase a partir das 11,00 horas do luns 27 de novembro na Fundación Barrié. Enmárcase dentro dunha xornada de charlas que se celebrará durante toda a mañá no auditorio da Barrié.

De Maior Crea busca estimular a creatividade das persoas maiores de 55 anos a través de obradoiros de creación audiovisual e de teatro. As actividades, polas que xa pasaron arredor de 500 persoas desde 2018, desenvólvense en distintos centros cívicos de A Coruña.

Na actualidade estanse a celebrar tres obradoiros: cine con móbil, introducción á linguaxe audiovisual e teatro. As persoas participantes prepararán na derradeira semana de novembro un espectáculo que mostrarán nunha gala o día 2 de decembro.

Os obradoiros están impartidos polos cineastas e directores de De Maior Crea, Manolo Gómez e Domingo D. Docampo.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios