A institución provincial achega 158.606 euros a unha iniciativa que combina prevención, atención psicosocial e voluntariado para reducir as desigualdades no acceso aos recursos.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o presidente da Xunta Provincial da Asociación Española Contra o Cancro, Javier Álvarez Barbeito, asinaron hoxe un convenio de colaboración para impulsar a Rede de Concellos Contra o Cancro da provincia da Coruña. A institución provincial achegará 158.606 euros, preto do 75 % dun orzamento total de 211.475 euros.
A iniciativa busca achegar os recursos de apoio aos pacientes oncolóxicos e ás súas familias, especialmente nos municipios rurais e semiurbanos, onde a dispersión da poboación, o envellecemento e a distancia aos servizos especializados dificultan o acceso á atención. Para iso, promoverá unha estrutura estable de cooperación entre a asociación, a Deputación e os concellos, coa participación dos servizos sociais comunitarios, atención primaria e as xuntas locais da entidade.
A rede desenvolverá actuacións de prevención, apoio aos pacientes e promoción do voluntariado, adaptadas ás características de cada municipio. Entre elas figuran a creación de espazos libres de fume en praias, parques ou contornas escolares, a promoción de roteiros saudables e as campañas de información sobre prevención e programas de detección precoz.
No ámbito da atención, o proxecto facilitará o acceso aos servizos gratuítos da asociación, como atención psicolóxica e social, logopedia, fisioterapia ou nutrición. Tamén prevé desenvolver recursos comunitarios próximos aos lugares de residencia, como os Clubs de Saúde, e establecer canles estables de coordinación cos servizos sociais municipais para identificar necesidades e facilitar o acompañamento.
A iniciativa recolle a experiencia dos nove Clubs de Saúde que a asociación puxo en marcha desde 2024 en concellos rurais da provincia. Este programa piloto incorporou 182 persoas e desenvolveu 163 obradoiros, cunha valoración media das persoas participantes de 9,6 sobre 10. As actividades contribuíron a mellorar o benestar emocional, favorecer o autocoidado e crear redes de apoio mutuo para reducir a soidade non desexada.
Rede local de voluntariado
Outro dos eixes será a creación e dinamización de redes locais de voluntariado que acompañen os pacientes e as súas familias. Os concellos que se adhiran asumirán un conxunto mínimo de actuacións, adaptado á súa realidade, e contarán co apoio técnico e os recursos da asociación para desenvolvelas.
A Asociación Española Contra o Cancro dispón de catro centros de atención na provincia, nos que atendeu 2.569 persoas durante 2024. A nova rede busca ampliar o alcance territorial deste labor e facilitar que máis persoas poidan acceder a recursos de apoio preto da súa casa.