O presidente subliñou a necesidade de «garantir a viabilidade dos proxectos industriais estratéxicos para o futuro de Galicia, que requiren de fontes de enerxía limpas a prezos competitivos»
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou esta mañá na inauguración do congreso Enerdixital, sobre enerxía e dixitalización, que se celebra na Coruña entre hoxe e mañá, no cal diferentes expertos da materia tratarán o tema da transición enerxética.
Formoso destacou que Galicia «é un territorio enerxético», cun enorme potencial nas enerxías renovables. «Somos a segunda comunidade con maior produción eólica do Estado e durante moitos días do ano pasado, suministramos case a metade do consumo nacional», afirmou.
Segundo indicou o presidente provincial, «o noso obxectivo debe ser avanzar cara a independencia enerxética a través dun modelo de xestión verde, no que a economía circular, a dixitalización e a transición enerxética sexan eixos estratéxicos na nosa provincia».
«É preciso garantir a viabilidade dos proxectos industriais estratéxicos para o futuro de Galicia, que requiren a garantía de subministro enerxético limpo e a un prezo competitivo, para deste xeito, poder reter o talento e que a nosa xuventude non teña que marchar, despois dun gran esforzo económico e familiar, e desenvolver as súas ideas noutros países do mundo» engadiu.
Por último, indicou que «a Deputación seguirá poñendo o seu grao de area a través de, entre outras cousas, foros como Enerdixital, que facilitan a reflexión sobre o avance das enerxías renovables, cales son as súas dificultades, e como se pode mellorar na súa execución e aplicación aos diferentes ámbitos».
O Congreso Enerdixital e as diferentes aplicacións da dixitalización
O congreso de Enerdixital está organizado por Cluergal (Clúster de enerxías renovables de Galicia), unha entidade na que teñen cabida os tecnólogos, promotores, distribuidores e outras organizacións relacionadas co sector das enerxías renovables e a sustentabilidade.
O evento conta tamén coa colaboración do Instituto tecnológico de Galicia, ademais do CETIM (Centro Tecnológico de Investigación Multisectorial), CITMAGA (Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia) e FEUGA (Fundación Empresa – Universidade Galega).
O simposio contou cun total de seis sesións, organizadas entre o xoves e o venres para falar sobre enerxía e dixitalización, ademais dunha visita ao novo Galaxy Lab da Cidade das TIC.
A primeira sesión do xoves, na xornada de mañá, tivo como temática a Dixitalización en xestión enerxética; a segunda foi sobre Dixitalización en mantemento e xestión enerxética activa e a terceira xirou en torno a Dixitalización en iluminación.
Na xornada de tarde realizarase unha visita ao Galaxy Lab, que foi inaugurado esta mesma semana na Cidade das TIC.
A xornada do venres iniciarase coa cuarta sesión, que terá como tema de conversa a Intelixencia Artificial aplicada ao sector enerxético; a continuación falarase sobre a Dixitalización de redes e Comunidades Enerxéticas e, por último, pecharanse as sesións coa de Dixitalización e transición enerxética en entornos industriais e portuarios.