Nicole Grueira sinala que «o arranxo do pavillón é unha realidade grazas á Xunta» que, a través dunha partida adicional do Fondo de Cooperación Local, dirixe fondos para cubrir os servizos máis demandados pola veciñanza que contribúan «a fixar poboación e mellorar a calidade de vida nos concellos do rural»
A voceira do Grupo Municipal do PP de Pol, Nicole Grueira, subliña a achega de 140.000 euros por parte da Xunta de Galicia para a mellora do pavillón de deportes municipal de Mosteiro que da servizo ao CEIP Rosalía de Castro.
“O arranxo do pavillón é unha realidade grazas á Xunta” que, a través de distintas liñas de apoio aos Concellos, pretende contribuír “a fixar poboación e mellorar a calidade de vida nos concellos do rural”. Esta achega é “unha proba máis do compromiso real do Goberno galego cos veciños e veciñas de Pol”.
Os traballos para a mellora da eficiencia enerxética do pavillón municipal consisten na renovación completa da cuberta, a substitución de luminarias por tecnoloxía LED e a instalación de paneis solares que servirán para alimentar o sistema de iluminación e renovar o sistema de calefacción de caldeira por unha bomba de calor de aerotermia.
A popular considera que “este investimento favorece que os máis novos do noso concello poidan disfrutar dun bo servizo nunha infraestrutura coas mellores condicións posibles”.
Grueira explica que se trata dunha achega correspondente á liña de mellora da eficiencia enerxética en edificios municipais -priorizando os edificios destinados á prestación de servizos educativos e a actividades deportivas- dunha partida adicional do Fondo de Cooperación Local, “dirixida especificamente a cubrir os servizos máis demandados pola veciñanza”.