VI Xornadas Galegas de Patrimonio Natural e Biodiversidade

por Redacción Pontevedra

A cidade de Pontevedra acollerá a fin de semana do 25 e 26 de novembro, un ano máis, a celebración das Xornadas Galegas de Patrimonio Natural e Biodiversidade, o evento organizado pola delegación de Pontevedra da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), e que este ano alcanza xa a súa VI edición.

Como ven sendo habitual, as xornadas contarán con dúas partes ben diferenciadas. Así, durante a xornada do sábado, en horario de mañá e tarde no salón de actos da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra, o escollido elenco de poñentes que tomarán parte desta edición, abordarán nos seus relatorios diferentes temáticas,  entre as que se atopan por exemplo, a enerxía eólica mariña e as súas implicacións sobre os recursos mariños, a conservación de determinadas especies vulnerables e protexidas, ou mesmo un repaso as últimas cinco décadas de actividade da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) que este mesmo ano celebra o seu 50 aniversario, medio século de historia estudando, divulgando e defendendo o patrimonio natural Galego.

O domingo, será a xornada dedicada ao audiovisual, e contará coa presenza de Arturo Menor, director do film “Iberia, naturaleza infinita”, película que conta con 9 candidaturas para a próxima edición dos Premios Goya, entre as que se atopan a Mellor película, Mellor dirección, Mellor guión orixinal, Mellor dirección de fotografía, Mellor montaxe, Mellor dirección artística, Mellor sonido, Mellores efectos especiais e Mellor película documental.

A película proxectarase a partir das 11:30 horas no salón de actos do Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, e rematará cun coloquio e diálogo co propio director.

A asistencia ás xornadas é gratuíta, pero precísase inscrición en liña a través do enderezo electrónico: https://forms.gle/p8uTRTCuJLrkZsAXA

O programa completo das xornadas é o seguinte:

Sábado 25 de novembro 2023 (Escola de Enxeñaría Forestal)

09:45 Presentación das xornadas. Juan Picos Martín, Universidade de Vigo.

Saleta González Pimentel, Sociedade Galega de Historia Natural.

10:00 O reto da transición enerxética xusta: cara unha eólica mariña respectuosa coa pesca, por Marta García Pérez, de Universidade da Coruña.

10:45 Elaboración dos Atlas de Biodiversidade, por Xosé Lois Rey Muñiz, da SGHN.

12:00 Algunhas reflexións en torno a unha singular actividade laboral en Galiza: a caza de cetáceos, por Xosé Manuel Penas Patiño, naturalista.

12:45 Impactos de los gatos sobre la biodiversidad y su protección en España, por Miguel Clavero Pineda, da Estación Biológica de Doñana.

13:30 Margaritifera margaritifera: o reto de conservar unha náiade en perigo de extinción, por Mari Paz Ondina Navarret, da Universidade de Santiago de Compostela.

16:30 O proxecto RESONATE: incrementar a resiliencia forestal en Europa, por Juan Picos Martín, da Universidade de Vigo.

16:55 A importancia da mobilización social na defensa dos nosos ríos, por Jesús de la Fuente Villar, A Rente do Chan-Pladever

17:20 50 anos da SGHN, por Serafín González Prieto, da SGHN.

17:45 Traslado e construción do hábitat dunha bolboreta protexida, por Genaro da Silva Méndez, Biosfera Consultoría Medioambiental.

18:10 Debate

Domingo 26 de novembro 2023 (Salón de actos do Edificio Castelao do Museo de Pontevedra)

11:30 Proxección audiovisual: “Iberia, naturaleza infinita“

12:45 Diálogo co seu director, Arturo Menor.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario