Logo do anuncio por parte da Xunta de que se están a recabar datos para declarar as rías de Arousa, Vigo e Pontevedra como “Zona Catastrófica”, a Marea reclama a inclusión neste listado da Ría de Muros-Noia, fortemente afectada por esta situación.
Debido as perdas da actual campaña marisqueira nas rías galegas pola altísima mortalidade do marisco, a Xunta anunciou que está a recabar datos para pedir ao goberno estatal a DECLARACIÓN DE ZONA CATASTRÓFICA. Nas rías afectadas alcanzouse unha mortalidade do 95% do berberecho e do 75% da ameixa xapónica.
Máis alá destes datos nunca vistos, hai que pensar que moitas das persoas que se dedican ao marisqueo non tiveron NINGUNHA AXUDA, sendo só algunhas delas as que poideron solicitar o cese de actividade, o paro dos autónomos, cunha duración máxima de 6 meses. Con todo, ese cese de actividade segue sen estar aprobado para a gran maioría de persoas que o pediron, polo que a gran maioría levan sen NINGÚN TIPO DE INGRESO desde hai máis de 2 meses.
Con todo, no anuncio realizado pola Xunta de Galicia só se nomea ás rías de Pontevedra, Arousa e Vigo, OBVIANDO Á RÍA DE MUROS-NOIA cuxa campaña leva meses pechada e non ten visos de que se abra antes de, como mínimo, 10 meses.
Este ‘esquecemento’ da Xunta da ría que máis berberecho produciu historicamente non ten xustificación algunha.
ESIXIMOS que se inclúa á ría de Muros-Noia entre as rías afectadas pola alta mortalidade. Despois de que morrese o 90% da cría que tiña que servir para garantir a próxima campaña sería incomprensible que non se incluíse a esa ría e non queremos pensar que se fai de xeito premeditado.