Sairá ás 18.00 da Rolda Camilo José Cela, fronte ao CEIP Ramón de la Sagra, e chegará á praza de María Pita
A Cabalgata de Reis 2024 partirá este Nadal do Barrio das Flores xa que terá como punto de saída a rolda Camilo José Cela, fronte ao CEIP Ramón de la Sagra. Sairá ás 18.00 horas cara a avenida de Monelos seguindo o percorrido por Alcalde Pérez Ardá ata a travesía de Fernández Latorre. Continuará ata Catro Camiños e A Palloza chegando á praza de Ourense por Linares Rivas. Este será o primeiro tramo do percorrido que ten unha duración prevista de hora e media, chegando á praza de Ourense arredor das 19.30 h. Despois continuará polos Cantóns e a avenida da Mariña ata Porta Real, rematando a cabeza da cabalgata aproximadamente ás 20.30 h na praza de María Pita. A continuación, aproximadamente ás 21.15, os Reis Magos saudarán desde o Palacio Municipal a todos os nenos e nenas presentes na praza.
Ademais, como ven sendo habitual nos últimos anos, o Goberno de Inés Rey porá catro puntos accesibles e dous puntos sen ruído co obxectivo de que todos os coruñeses e coruñesas poidan gozar do Nadal en igualdade. Os dous puntos sen ruído estarán instalados no cruzamento da rolda de Outeiro e Alcalde Pérez Ardá, e no Teatro Colón, no interior do equipamento. Todos eles estarán atendidos por persoal de organización da Cabalgata, garantindo o seu correcto uso así como a seguridade das persoas que a utilicen.
En canto aos catro puntos accesibles, estarán localizados na rúa alcalde Pérez Ardá, fronte á estación de autobuses, na praza de Ourense na zona do Quiosco; fronte á parada do autobús no número 21 da Mariña, fronte á subdelegación do Goberno e, finalmente, na praza de María Pita, na zona lateral próxima á rúa Troncoso. Nestes catro puntos estarán ademais situados catro puntos de atención sanitaria e Primeiros Auxilios da man de Cruz Vermella. O situado en Pérez Ardá trasladarase a María Pita unha vez pase a cola do desfile co obxectivo de garantir a seguridade na praza.
Sorteo de figurantes na Cabalgata de Reis
O Concello da Coruña abrirá o vindeiro luns, 18 de decembro, o prazo para inscribirse como figurante da Cabalgata de Reis, dirixido a menores de idade que a 1 de xaneiro de 2024 teñan unha idade comprendida entre os 7 e os 11 anos. O período de solicitude comezará o luns 18 ás 09.00 horas e finalizará o mércores 20 ás 14.00 horas.
As prazas máximas ofertadas nesta convocatoria serán 235. As persoas interesadas e os seus titores legais poderán formalizar a súa inscrición a través do formulario que se habilitará na páxina web municipal www.coruna.gal. O 22 de decembro publicarase a listaxe provisional de persoas solicitantes e abrirase un período de alegacións ata o 26 de decembro. O 28 de decembro publicarase a listaxe definitiva de solicitudes.
Máis actividades de Nadal
A Federación de ANPA, coa colaboración do Concello da Coruña, oferta «A Coruña tardes», un programa de conciliación con actividades para despedir o curso antes de Nadal. Os alumnos e alumnas dos colexios públicos da cidade poderán gozar de actividades culturais, deportivas e en inglés para pechar o curso antes das vacacións de Nadal.
O programa divídese en tres bloques. Arte e cultura no centro, con contacontos no Fórum Metropolitano para os nenos e nenas de infantil e a presentación da obra teatral ‘Un traje nuevo para el emperador’, do grupo La Pera Llimonera, para o alumnado de Educación Primaria. Deporte no centro, con varios encontros deportivos, dentro e fóra do horario escolar, así como algunhas exhibicións de patinaxe. E o English Lab, con contacontos interactivo dramatizado para educación infantil e primaria en diferentes centros e o xogo PASSWORD, para 4º a 6º de educación primaria, en cada centro.
Toda a información e horarios pode consultarse aquí: Estas son as actividades de Fin de Ano dos programas da Coruña Tardes