Mercedes Queixas: “O Goberno Local elude responder quen vai asumir o custo das obras de mantemento do Pazo da Ópera”

por Redacción A Coruña

Pingueiras no Pazo da Ópera deixaron inservíbeis un non pequeno número de butacas, o que obrigou a persoas abonadas aos concertos da Orquestra Sinfónica de Galicia a seren reubicadas

Esta situación, que mostra o deficiente mantemento dunha infraestrutura cultural tan relevante na cidade, motivou a concelleira do BNG Mercedes Queixas a realizar un feixe de preguntas por escrito ao Goberno Local.

A resposta do Executivo coruñés non pode ser máis evasiva.

“O Concello está en contacto coa concesionaria para atopar unha solución de xeito inmediato ao problema e para garantir tamén que non se reproduza no futuro”, limítase a dicir.

Mais fican preguntas concretas por seren respondidas. Por exemplo, quen vai asumir o custe destas obras de mantemento, en que prazo van estar  resolvidas as deficiencias, que avaliación fai o Goberno Local do estado da infraestrutura e se se lle vai esixir á concesionaria que poña fin a unha situación que leva á redución da capacidade do Pazo, a reubicar as persoas abonadas, e que por tanto condiciona a programación da propia Orquestra.

“Visto o visto, tórnase aínda máis necesario que nunca que a alcaldesa convoque a Xunta de Goberno do Consorcio para a Promoción da Música, tal e como demandamos no último Pleno”, subliña Mercedes Queixas.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario