O Concello abre a inscrición para os nenos maiores de dez anos de idade que desexen acompañalos como paxes
Os Reis Magos volverán percorrer as trece parroquias do Concello na cabalgata de dous días que se vai realizar o 4 e o 5 de xaneiro.
Todos os nenos maiores de dez anos de idade que desexen acompañar como paxes a Melchor, Gaspar e Baltasar, poderán anotarse a partir de mañá martes e ata as 12:00 horas do día 2 de xaneiro. Para iso deberán cubrir o formulario en liña a través da web municipal www.alaracha.gal, as redes sociais ou acudindo ao Concello.
No momento da preinscrición é preciso escoller unha das dúas quendas, ben a do día 4 (percorrido polas parroquias de Torás, Coiro, Soutullo, Golmar, Montemaior, Soandres e Erboedo) ou a do día 5 (Vilaño, Cabovilaño, Lemaio, Torás, Lendo, Caión e Lestón).
No caso de rexistrarse máis solicitudes que prazas dispoñibles, para outorgalas realizaríase un sorteo público o martes 2 de xaneiro ás 13:00 horas no Salón de Plenos do Concello.