Tanxugueiras e Valeria Castro cántanlle ás lembranzas en “Hoxe, mañá e sempre”

por Redacción Galicia

Dende hoxe está dispoñible o novo tema

A canción, que as catro artistas estrearon en directo o pasado 16 de decembro no Coliseum da Coruña durante o concerto fin de xira das galegas, trata sobre as persoas que se van pero que, dalgunha maneira, seguen presentes nos recordos para sempre. Nas súas propias palabras, «fai referencia a que cando nós marchemos teremos que estar tranquilas, porque o vivido é suficiente, xa fixemos o que tiñamos que facer. Hai que gozar do presente, da vida, que cando marchemos xa haberá xente que nos lembre aquí para manternos vivas».

En liña coa mensaxe da canción, Valeria Castro achega: «Cantar xunto a Tanxugueiras é saber que non estás soa, que hai tres mulleres preto que te apoian e cantan contigo para que o que merece ser contado se escoite máis forte. É un agasallo poder cantarlle ás ausencias e á fraxilidade humana con elas».

«Hoxe, mañá e sempre» vén acompañada por un videoclip que mostra ás catro artistas no estudo e reflicte o vínculo que naceu por mor de colaborar e conectar no eido tanto persoal como artístico: «Foi espectacular, fixemos moitísima amizade con ela. É moi sinxelo traballar con Valeria, e o mellor é que por mor de compoñer este tema xurdiu unha amizade que cremos que durará para sempre. Estamos moi contentas de poder traballar con ela e de que nos transmita a súa sensibilidade. «Hoxe, mañá e sempre» é unha combinación da nosa forza coa súa sensibilidade que cremos que encaixa dunha maneira moi orgánica».

Aínda co recordo ben presente do fin de xira na Coruña, as artistas xa comezaron a confirmar as primeiras presentacións en directo para 2024, tendo xa estas datas marcadas para o ano que en breves comeza:

14/03 • MA Scène nationale – Théâtre de Montbéliard • (Francia)

25/05 • Ouren Sound Fest • Benposta (Ourense)

10 a 13/07 • Pirata Beach Festival • Gandía (Valencia)

6 a 8/09 • Festival Osa do Mar • Burela (Lugo)

Foto portada: Javier Bragado

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario