A Deputación da Coruña defende a utilidade das cartas informativas á cidadanía sobre os investimentos do Plan Único nos concellos

por Redacción A Coruña

As cartas, enviadas antes da convocatoria das eleccións autonómicas, informan á cidadanía das obras e servizos financiados polo Plan Único no seu concello

O Goberno da Deputación da Coruña defendeu hoxe a «transparencia» e «utilidade» da campaña informativa realizada o pasado mes de decembro mediante o envío de cartas á cidadanía da provincia detallando os investimentos do Plan Único no seu municipio.

Nun pleno extraordinario, solicitado polo Partido Popular, pese a que a Xunta Electoral de Galicia xa arquivou a súa denuncia e resolveu o pasado 2 de xaneiro que «non existe vinculación entre os feitos denunciados e a convocatoria das eleccións ao Parlamento de Galicia efectuada polo Decreto 150/2023, do 25 de decembro, que entrou en vigor o día 26 de decembro de 2023, ao terse iniciado o envío das cartas antes desa data que é a que debe terse en conta para determinar o comezo do período electoral», a corporación provincial debateu hoxe sobre esta campaña de envíos postais, nos que informa á cidadanía de cada concello da provincia acerca das 3.900 obras e múltiples servizos financiados con cargo  aos 578 millóns de euros que o Plan Único investiu nos municipios coruñeses entre 2017 e 2023.

«A Deputación inviste hoxe nos concellos coruñeses entre o dobre e o triple do que investía cando gobernaba o PP e faino ademáis con criterios de reparto obxectivos» e «deixando que sexan os concellos os que decidan o destino dos fondos». «Iso é o que non lles gusta, o que non queren que se saiba», afirmou o portavoz do PSOE, Bernardo Fernández, que incidiu en que a resolución da Xunta Electoral de Galicia deixa claro que non houbo vulneración da Lei electoral, xa que tanto a tramitación administrativa do expediente como os envíos por Correos foron efectuados antes da convocatoria das eleccións autonómicas, o pasado 26 de decembro.

 O portavoz do Partido Socialista contrapuxo «a obxectividade no reparto de recursos» do Plan Único coas «convocatorias de axudas en orde de chegada da Xunta, das que un 99% van a parar a concellos do Partido Popular» e lembrou  as cartas enviadas nas últimas semanas pola Xunta de Galicia «e asinadas por Alfonso Rueda» sobre a gratuidade do transporte público para maiores ou as axudas á dependencia.

Un aspecto ao que tamén se referiu a portavoz do BNG, Avia Veira, que censurou que «as campañas institucionais da Xunta e do Partido Popular son indistinguibles» e aludiu a distintas campañas promovidas polo goberno autonómico coincidindo coa convocatoria electoral «como o Bono Deporte ou a de Galicia sabe a mar, en plena crise dos pellets nas nosas costas».

Veira defendeu que as cartas informativas sobre o Plan Único «sen asinar, a diferencia das da Xunta, non teñen nada reprochable nin ética nin legalmente», son un exercicio de «transparencia» e «un método máis directo e máis económico» de informar sobre o principal plan de cooperación municipal da Deputación.

O portavoz de Alternativa dos Veciños, Ángel García Seoane, considerou «incongruente e demagóxica a postura do PP» aínda que defendeu que «os fondos do Plan Único son cartos dos concellos, distribuidos a través da Deputación» e lembrou que «son os muncipios os que deciden os investimentos, os que licitan as obras e os que tramitan os permisos pertinentes».

García Seoane instou á Deputación a facer o mesmo «coas obras directas que fai nos municipios, como a rotonda da Chasqueira, que quedou fenomenal; o vial entre Mera e a Vía Ártabra ou a gran obra que se vai a facer en Santa Cristina».

O portavoz do Partido Popular, Evaristo Ben, censurou a campaña informativa «inédita e innecesaria polo momento, os modos e o contido», aínda que recoñeceu que «é certo que o inicio da contratación da campaña é anterior ao anuncio das elecccións».

Ben Otero reprochou que as cartas «dan a entender que as obras son mérito exclusivo da Deputación, cando os que licitan, executan e supervisan as obras son os concellos».

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario