O Encontro Mundial de Humorismo ofrecerá novas funcións de ‘La ruina’ e ‘Celebreixon’, cuxas entradas sairán hoxe á venda

por Redacción A Coruña

O Encontro Mundial de Humorismo, que se celebrará do 25 de abril ao 5 de maio na Coruña, porá á venda hoxe, 1 de febreiro, as entradas das dúas novas sesións que ofrecerá dos espectáculos Celebreixon, de Roberto Vilar, e La ruina, de Ignasi Taltavull e Tomàs Fuentes. A partir das 12.00 horas da mañá, o público poderá adquirir os seus billetes para estes novos pases a través da páxina web oficial www.emhu.es ou da plataforma en liña www.ataquilla.com.

O EMHU é a cita humorística máis relevante de España tanto polo número de espectadores que reúne en cada edición (este ano xa vendeu case 17.000 entradas, superando as 15.000 de 2023) como polas múltiples funcións e producións propias que ofrece nun único evento. A expectación xerada polo evento tradúcese na rápida adquisición, por parte do público, tanto dos abonos -esgotados os catro tipos nos primeiros días- como das entradas para moitos dos seus espectáculos.

A tres meses do seu inicio, o Encontro Mundial do Humorismo pendurou o cartel de entradas esgotadas para propostas como La capital del pecado 2.0, de Juan Dávila; ou para as dúas sesións programadas tanto de Esto no es un show, de Galder Varas, coma da gala Humoris Causa, na que se atoparán por vez primeira, xuntos nun escenario, Leo Harlem, Luis Piedrahita, Goyo Jiménez e Sílvia Abril. Tampouco quedan localidades dispoñibles para o pase de La ruina programado para as 12.30 horas do sábado 4 de maio, polo que a dirección do EMHU aposta por unha nova función, que terá lugar na mesma xornada, pero ás 18.00 horas. O show presentado por Ignasi Taltavull e Tomàs Fuentes, e que en cada pase conta cunha figura convidada, destaca por facer activa a participación do público, ao que invitan a compartir, previamente, as súas “ruínas”. Durante o espectáculo, os cómicos convidan a unha selección de asistentes a dar conta das súas situacións máis vergoñentas, ata escoller e premiar a máis destacada de todas.

Outra das propostas que está a piques de contar con todas as butacas ocupadas no Teatro Colón é Celebreixon, a estrea en solitario nos teatros do icónico Roberto Vilar; polo que a organización do evento ofrecerá desde hoxe a posibilidade de adquirir as entradas para unha nova función ás 17.30 horas da tarde do domingo 28 de abril.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario