Socios de Agromuralla desprazáronse esta mañá nos seus tractores desde distintos puntos da provincia ata a cidade de Lugo «para facer escoitar a súa voz e secundar o clamor dos agricultores e gandeiros de toda Europa contra as políticas que se aproban en Bruxelas», explicou o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, que participou na caravana de tractores que partiu do municipio da Pastoriza.
«Todas as normativas que veñen de Bruxelas e que despois o Ministerio de Agricultura e a Xunta de Galicia aplican supoñen máis traballo e máis gasto para as explotacións», afirmou Pérez Barreiro, que acusou ás Administracións públicas, tanto europeas como estatais, de «lexislar en contra do sector».
Excesiva burocracia
As protestas, que toman o testigo das levadas a cabo nas semanas anteriores en países como Francia ou Alemaña, buscan «que se flexibilicen as trabas que nos poñen para a produción de alimentos». «So queremos que nos deixen producir», defendeu.
«O sector primario en toda Europa ten problemas comúns, como son unha excesiva burocratización e a falla de garantías dun prezo xusto para os alimentos que producimos. A día de hoxe xa pasamos máis tempo cubrindo papeis que atendendo aos animais ou ás terras», asegurou o presidente de Agromuralla.
En relación á viraxe ambientalista da UE, explicitada en documentos como o Pacto Verde Europeo, Pérez Barreiro insistiu en que «os produtores somos os primeiros que queremos coidar o medio ambiente e, de feito, os agricultores e gandeiros somos os verdadeiros xestores do territorio e os que coidamos da natureza» pero dixo que «as políticas verdes non poden supoñer ir en contra da seguridade alimentaria da poboación».
Puxo como exemplo a nova PAC, na que se obriga a deixar unha porcentaxe das terras sen producir para fomentar a biodiversidade «e logo as explotacións vémonos obrigadas a mercar o cereal ou a soia para alimentar ao noso gando en terceiros países fóra da UE que non cumpren coas condicións en materia de produtos fitosanitarios nin as mesmas condicións de produción que temos aquí», denunciou.
Competir en igualdade de condicións
Entre as peticións recollidas no Manifesto que engloba ás protestas en toda España está precisamente a de «competir en igualdade de condicións» tanto dentro da UE como en relación a terceiros países.
«Europa, coa sinatura de acordos comerciais con terceiros países, como Marrocos, Turquía, Exipto ou Sudáfrica está destruindo aos produtores europeos», denunciou o presidente de Agromuralla, que pide ao Goberno español «que vete nos órganos comunitarios onde ten representación a sinatura do Tratado de Libre Comercio cos países do Mercosur (Brasil, Arxentina, Uruguay e Paraguay), «que vai inundar de carne de vacún os mercados europeos tirando os prezos da que se produce aquí»; así como do acordo comercial con Nova Zelandia, «que poderá enviar os seus excedentes leiteiros a Europa acelerando o peche de explotacións lácteas en numerosos países, entre eles en España», asegurou.
Protestas pacíficas e ausencia dos sindicatos
O presidente de Agromuralla avogou polo desenvolvemento de «protestas pacíficas» e acusou aos sindicatos agrarios maioritarios de «pasividade» ante a situación que está a atravesar o sector, demandando «eleccións inmediatas no campo». «Levamos camiño de 20 anos sen eleccións para que os produtores poidamos elexir aos nosos representantes», denunciou.
Pérez Barreiro pediu a derogación de moitos dos Reais Decretos estatais que entran en vigor este ano e que «aumentan os custos de produción e reducen a rendibilidade das explotacións». «A entrada en vigor de novas normas de abonado, benestar animal, do Caderno Dixital ou sobre uso de produtos fitosanitarios e antibióticos condicionan de maneira importante o futuro das explotacións gandeiras», dixo.
Do mesmo xeito, desde Agromuralla esíxese que se saque ao lobo da Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (LESPRES) e se leven a cabo políticas de control da fauna salvaxe.