Antonio Ameijide puntualizou que “non estamos en contra de que veñan cartos para Monforte dende calquera administración, o que non queremos é que ese diñeiro de tódolos lucenses vaia directamente para financiar parte do custo deste proxecto” e para “a campaña de lavado de cara de José Tomé”.
O voceiro do Grupo Provincial Popular na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide, e a voceira do Grupo Municipal Popular en Monforte, Katy Varela, ofreceron hoxe unha rolda de prensa conxunta para anunciar que os deputados populares pedirán no vindeiro pleno da Deputación a rescisión do convenio de 1.800.000€, que todo apunta a que se destinará para costear parte da construción da polémica ponte do Malecón.
Dende o Grupo Provincial Popular esíxese a anulación inmediata deste acordo debido ao enorme clamor e rexeitamento social que xera o proxecto na cidade, así como pola situación do alcalde monfortino, José Tomé, actualmente investigado por un presunto delito de acoso sexual e que “precisa dos fondos para pagar a súa campaña política para as eleccións municipais”.
Antonio Ameijide afirmou que dende o Grupo Popular levaremos esta moción ao Pleno da Deputación de Lugo para esixir a rescisión dese convenio para garantir que os recursos públicos de tódolos lucenses non vaian a parar, en concreto, para o proxecto da nova ponte do Malecón que ten unha forte contestación social en Monforte”. Neste senso, Ameijide foi moi contundente e afirmou que “cómpre anular este convenio de inmediato porque existe un clamor social absoluto en Monforte contra esta obra e, por suposto, o que non se pode facer, de ningunha maneira, é pagar cos cartos de todos os lucenses a campaña política de José Tomé”.
O voceiro popular tamén sinalou directamente a complicidade do BNG no goberno provincial, cualificando a súa actitude de “pagafantas”. “Mentres o BNG en Monforte di poñerse en contra da obra, dende a Deputación de Lugo, onde forman parte do goberno, aproban o convenio e envían o diñeiro para este fin. Efrén Castro, coma vicepresidente ten a potestade e a forza de parar isto hoxe mesmo”.
Neste senso, Ameijide afirmou que “as escusas do BNG xa non as cre nin o propio Efrén Castro” e instou aos nacionalistas a que “se aclaren e deixen de enganar aos veciños”.
O portavoz provincial tamén subliñou que “non estamos en contra de que veñan cartos para Monforte dende calquera administración, o que non queremos é que ese diñeiro de tódolos lucenses vaia directamente para financiar parte do custo desta ponte”.
VARELA: “TOMÉ NON ESTÁ LEXITIMADO”
Pola súa banda, Katy Varela afirma que “tamén defenderemos unha moción no Pleno do Concello” xa que “Tomé non está lexitimado” para comprometer 2,8M€ do orzamento municipal para os vindeiros anos a tan só 10 meses para as eleccións. “Se tanto interesa tiña neste proxecto tivo máis de tres anos para realizalo, pero agora non é o momento, sen contra coa protesta social que ten”, denunciou.
Varela tamén apuntou ao BNG e destacou que este convenio deixa ao descuberto as contradicións do BNG e, en concreto, do deputado autonómico Iago Suárez, quen acusou á Xunta de Galicia e ao PP de “complicidade” cunha actuación que el mesmo definiu como “monstruosidade”.
A voceira popular lembrou que o BNG se escuda nunha mera autorización técnica da Dirección Xeral de Patrimonio que nada ten que ver coa vontade política de executar a obra.
“O BNG monta o teatro no Parlamento e nas rúas criticando a obra, pero despois, onde se senta a gobernar co PSOE, que é na Deputación de Lugo, permite que se envíen os cartos para financiala e que sexa unha realidade que ninguén quere en Monforte”, denunciou.
Katy Varela quixo deixar claro que os populares de Monforte “estamos e seguiremos estando en contra da construción desta ponte”.
“Mentres o PSOE e o BNG pactan nos despachos para impoñer unha obra que os monfortinos non queren, o PP de Monforte mantense firme ao lado da reclamación popular”, destacou.
Ademais, Katy Varela aclarou que “non criticamos a chegada de investimentos á cidade, senón o destino inútil que se lle quere dar aos recursos”. “En lugar de investilos nunha ponte que ninguén quere, deberían destinarse a mellorar a rede de saneamento e abastecemento de auga”, destacou.