Faise co triplo obxectivo de conservar as árbores, mellorar a estética e previr riscos por posibles caídas de materia vexetal
O Concello da Laracha ten en marcha desde mediados de xaneiro a campaña anual de poda de árbores nos espazos públicos de titularidade municipal. Nestes días as actuacións localízanse no campo da feira de Paiosaco, onde están a ser podados a totalidade dos exemplares integrados nese ámbito que, ademais de contribuír á sustentabilidade e á calidade ambiental da vila, embelecen o que é un dos lugares máis recoñecibles do termo municipal da Laracha.
A ese lugar acudiron o alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro José Ramón Martínez Barbeito, para interesarse polo desenvolvendo das actuacións que executa Viveiros Amado, a empresa larachesa responsable do mantemento e conservación das zonas verdes, ao estar contemplados nese contrato de servizos. O seu responsable explicou aos representantes municipais que a biomasa que forman as polas retiradas será xestionada por unha empresa especializada e transformada en enerxía limpa e renovable.
Os labores de poda, que comezaran na finca fronte ao Museo de Golmar na que existen máis de cen árbores entre nogueiras e cerdeiras, realizaranse durante as próximas semanas tamén noutros puntos do municipio.
Esta campaña de poda que cada ano desenvolve o Concello da Laracha ten por tripla finalidade a conservación das árbores, mellorar a estética nos espazos públicos e previr que se produzan danos por posibles caídas de materia vexetal.
Obradoiros de poda e enxerto
Os obradoiros de poda e enxerto que organizan o Concello e a propia empresa concesionaria do mantemento e conservación de espazos verdes volveron rexistrar un rotundo éxito.
Todas as prazas ofertadas nas tres quendas, setenta e cinco en total, están xa cubertas, polo que as inscricións están pechadas.
Os obradoiros levaranse a cabo os días 17 e 24 de febreiro e 2 de marzo en horario de 10:00 a 13:00 horas nas instalacións de Viveiros Amado, situadas no lugar de A Braña Grande (parroquia de Cabovilaño), a carón da estrada AC-552.