Besteiro: “Sacarei á sanidade galega da maior crise que sufre en 20 anos, como fixo Illa na pandemia e Touriño na Xunta”

por Redacción Galicia

O candidato socialista afirmou que «só é posible reverter a situación crítica da sanidade cun Goberno socialista, porque temos experiencia de goberno e porque xa o demostramos»

O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, afirmou hoxe en Ourense que sacará “á sanidade galega da maior crise que sufre en 20 anos, como fixo o ministro Illa na pandemia ou o presidente Touriño na Xunta”. Argumentou que “só é posible reverter a situación crítica da sanidade cun Goberno socialista, porque temos experiencia de goberno e porque xa o demostramos no pasado”. 

Hoxe en Galicia con Rueda as Urxencias están colapsadas, 200.000 galegos e galegas agardan por unha primeira cita hospitalaria, 11.000 nenos e nenas están sen pediatra e hai esperas de meses para citas con especialistas, para cirurxías, así como listas opacas.

Besteiro presentou o seu plan de rescate da sanidade pública xunto a Salvador Illa, ex ministro de Sanidade, e atendeu as demandas de numerosos colectivos sanitarios da provincia de Ourense. “Cando sexa presidente da Xunta, haberá un prazo máximo de 48 horas para a cita co médico de cabeceira, Saúde Mental na Atención Primaria e 122 concellos de Galicia sen Pediatría disporán do servizo”, explicou. O seu programa de goberno inclúe a apertura ao 100% dos centros de saúde e a mellora do sistema de transporte sanitario urxente, entre outras medidas.

Mención especial merece a mellora das condicións laborais dos profesionais sanitarios, a quen Besteiro agradeceu a profesionalidade e o seu excelente traballo: “Son un exemplo. O sistema segue funcionando grazas aos e ás profesionais e a pesar dos seus dirixentes”.

Ourense, vítima do privatización do PP

A provincia de Ourense é o caso paradigmático do colapso e o desmantelamento que sofre a sanidade pública galega no seu conxunto a causa das políticas do Partido Popular. 

Besteiro comprometese “ao reforzo inmediato con máis persoal e recursos técnicos da UCI do Centro Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) que sofre unha sobrecarga insostible. Haino que solucionar con urxencia porque compromete a asistencia sanitaria de todas e todos os ourensáns”. Aproveitou para expresar o seu apoio aos sanitarios que iniciaron mobilizacións ante o colapso asistencial da unidade e esixiulle a Rueda que “dé a cara”.

O candidato socialista amosouse moi preocupado polo escenario que se dá “nunha das provincias máis envellecidas de Galicia e, polo tanto, cunha poboación máis vulnerable” e apelou á necesidade de “corrixir de inmediato o rumbo da sanidade cun cambio de Goberno liderado polos socialistas o día 18 de febreiro”. 

Besteiro incidiu en que Ourense é o reflexo de Galicia, “con situacións habituais de ata 25 días para unha cita co médico de cabeceira, falta de persoal nos centros de saúde, especialmente dos pequenos concellos, o que provoca colapsos e obriga a desprazarse á capital”. Denunciou a falta de pediatras en vilas tan importantes como O Carballiño ou Xinzo, ás que a Xunta segue marxinando, e adiantou “que retomará proxectos tan necesarios como o do novo centro de saúde da Rúa”.

Fronte á realidade sanitaria da provincia, o candidato socialista mencionou “a realidade paralela da mentira do PP, capaz de prometer un novo centro de saúde en Mariñamansa contra o que sistematicamente votou en contra cando o demandamos desde o Partido Socialista”.

Comparte éste artículo
1 Comment