Raquel Rodríguez asume o compromiso de liderar Enfermaría “con determinación, responsabilidade e visión de futuro”

por Redacción Galicia

A profesora tomou posesión do seu cargo como novo decana do centro, en substitución de Ana Silveira.

“A nosa facultade debe ser un referente de progreso, percibindo novas realidades e preparando os nosos estudantes para enfrontar os retos emerxentes no campo da saúde”. Con esta declaración de intencións iniciou a profesora Raquel Rodríguez González o seu discurso no acto de toma de posesión como nova decana da Facultade de Enfermaría da USC, substituíndo no cargo a Ana Silveira. Nun acto presidido polo reitor Antonio López Díaz, a profesora Rodríguez destacou este venres 16 que se compromete a liderar o centro “con determinación, responsabilidade e visión de futuro”.  

Na súa intervención, o reitor gabou o compromiso manifestado por esta Facultade cunha resposta sempre eficaz aos desafíos aos que se ten enfrontado tanto individualmente como dende a perspectiva da universidade no seu conxunto e lembrou a colaboración desenvolvida na época da COVID-19. Este é un centro que destaca pola súa “actitude proactiva e construtiva” fundamental para “superar as dificultades de forma satisfactoria”. Na súa opinión, temos a mellor Facultade de Enfermaría galega e os número así o avalan. Isto é clave “pola responsabilidade que temos coa formación de persoal de enfermaría para o sistema sanitario galego”. O reitor tamén sinalou que este é un centro que avanza, dende a súa conversión de escola a facultade, de xeito positivo na súa dimensión académica e investigadora. No transcurso do acto, a secretaria xeral, Dulce Mª García Mella, procedeu á lectura do nomeamento da nova decana.

Eixos

Fortalecer os lazos entre a Facultade e a comunidade será un dos eixos sobre os que se asente este novo mandato no que Raquel Rodríguez aspira a paliar o “descoñecemento acerca das competencias e responsabilidades reais” dos profesionais da enfermaría, en relación ás súas vertentes asistencial, investigadora, docente e xestora.

Desde o punto de vista académico, estase a implantar o novo plan de estudos do grao en Enfermería. Coa modificación deste título, quere proporcionarse “unha formación de excelencia, mediante unha oferta académica que responda ás necesidades e expectativas das futuras enfermeiras e enfermeiros, e da sociedade en xeral, no ámbito da atención á saúde individual e colectiva”, explicou a decana. No seu discurso, Raquel Rodríguez  destacou a importancia de garantir o relevo xeracional. “Observamos con satisfacción o incremento de teses defendidas nesta Facultade, e percibimos que cada vez son máis as enfermeiras e enfermeiros que amosan interese pola carreira académica”, dixo.

Fortalecer a mobilidade será outro dous eixos cruciais para este período, xunto coas prácticas clínicas, que supoñen o 35% do total da carga lectiva do título. “Dende a Facultade centrámonos na xestión do alumnado tendo en conta as prazas dispoñibles e as competencias asociadas a cada curso e materia, baixo un compromiso de mellora constante no proceso”, relatou a decana. “O Servizo Galego de Saúde é unha peza fundamental como institución na que se integra o noso alumnado, e a través da Axencia Galega de coñecemento en Saúde lógrase unha descentralización funcional. O mantemento deste complexo engrenaxe require dun compromiso entre todas as institucións implicadas e acádase grazas a un traballo e dedicación constantes”, dixo. O elevado grao de satisfacción coas prácticas clínicas tanto por parte do estudantado coma dos docentes “é a mellor motivación para seguir traballando na calidade do proceso de ensinanza – aprendizaxe da docencia clínica”, afirmou Raquel Rodríguez. A nova decana tamén se detivo no capítulo de infraestruturas, en relación co proxecto da Cidade da Saúde co que a Facultade agarda dotarse dun “espazo altamente funcional que mellore a integración das actividades de carácter docente, investigador e asistencial”, engadiu.

Traxectoria

Ademais de en Enfermaría, a profesora Rodríguez é tamén titulada en Bioloxía Molecular. Foi vicedecana de Internacionalización e Estudantes da Facultade de Enfermaría dende 2017, coordinadora da área de Enfermaría dende 2016 e membro da Comisión de Revisión da USC dende 2021. Entre a súa traxectoria investigadora, destaca o seu período pre e postdoutoral no Instituto de Saúde Carlos III, xunto coas estadías na Universidade de Cambridge (Reino Unido), Universidade Complutense de Madrid, Hospital Ramón y Cajal de Madrid, Hospital Universitario de Gran Canaria e Universidade de Génova (Italia). A profesora Rodríguez é membro da Academia de Enfermería de Galicia.

Fotos: Santi Alvite

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario